Friday 22 de November de 2024

A Xunta premia traxectorias e proxectos destacados de xuventude galega a través do Certame Talento Mozo


– Natalia Barreiro, residente en Santiago, fíxose co galardón na categoría de Ciencias; mentres as lucenses Lucía Seoane e Sofía Prosper levaron os de Rural e Empresa; a viguesa e Susana Rodríguez, o de Deporte; e o coruñés Alberto Miguélez, a de Cultura e Creación

– Os gañadores recibirán unha dotación económica de 5000 euros cada un

A Xunta de Galicia vén de premiar algunhas das traxectorias e os proxectos emprendidos pola xuventude galega máis destacados a través do certame Talento Mozo. Promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Politica Social, estes galardóns buscan recoñecer e dar visibilidade ao enxeño e capacidade da mocidade en cinco modalidades: Ciencia, Cultura e creación, Deporte, Empresa e Rural.

Os premios Talento Mozo alcanzan este ano a súa segunda edición, que permitiu ao Goberno galego premiar as mellores candidaturas de 2020 e 2021 cunha dotación económica de 5000 euros por categoría.

A resolución desta convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), premiará este ano na categoría de Ciencia o labor da investigadora Natalia Barreiro Piñeiro, natural de Vedra e residente en Santiago, e doutora en Medicina Molecular no CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela. Na modalidade de Rural, o recoñecemento será para Lucía Seoane López, natural de Folgoso do Caurel e promotora do proxecto empresarial “Artesanía do Caurel”.

A viguesa Susana Rodríguez Gacio, pola súa banda, farase co galardón no eido de Deporte; mentres a lucense Sofía Prosper Díaz-Mor, quen posúe unha empresa tecnolóxica vinculada coa privacidade dixital, levará o de Empresa. O coruñés Alberto Miguélez Rouco, músico e profesional do canto clásico, pola súa banda, será o destinatario do premio na disciplina de Cultura e Creación.

Ciencias e artesanía rural
Natalia Barreiro Piñeiro doutorouse en Medicina Molecular en 2018 con sobresaínte cum laude no Centro Singular de Investigación en Química Biológica y Materiales Moleculares (CiQUS) da USC, onde exerce como investigadora e onde ten participado en diferentes proxectos que deron lugar a tres artigos en revistas científicas de impacto vencellados a un sistema de expresión e purificación de proteínas denominado IC-Tagging que presenta múltiples aplicacións e está desenvolto e patentado polo laboratorio de José Martínez Costas. Actualmente participa no proxecto de desenvolvemento dunha vacina contra SARS-CoV-2 financiado polo Instituto de Salud Carlos III, sendo un dos 10 proxectos de vacina contra o coronavirus que hai en España, Fondo Supera COVID do banco Santander, a Iniciativa Europea de Vacunas (EVI), ademais de diferentes fontes de financiación privada. Este proxecto recibiu o II International Zendal Award en saúde humana que outorga a empresa ZENDAL.

Lucía Seoane López é a artífice do proxecto empresarial Artesanía do Caurel, unha proposta para visibilizar a necesidade e a posibilidade real de emprender no rural pola xuventude de maneira creativa, innovadora e sostible, empregando os recursos proporcionados pola natureza, como é a madeira. A iniciativa desta lucense é unha clara aposta pola visibilización dos oficios artesáns, a dinamización social e cultural dos traballadores manuais da madeira cos que aínda conta a zona e que foi parte da economía da zona nos tempos pasados.

Extensas traxectorias profesionais
Susana Rodríguez Gacio naceu cunha discapacidade visual moi severa debido á condición xenética de albinismo oculocutáneo, o que non lle impediu empezar con só 4 anos a dar os seus primeiros pasos na natación e, máis tarde, no atletismo nas modalidades de carreira e salto de lonxitude. Sen embargo, foi no triatlón de competición na modalidade na que acadou os seus maiores éxitos deportivos, entre os que destacan o primeiro posto no Campionato do Mundo de Paratriatlón en Auckland (2012), Gold Coast (2018) e Lausanne (2019); primeiro posto no Campionato de Europa de Paratriatlón en Kitzbühel (2014) e Valencia (2019); o quinto posto nos Xogos Paralímpicos de Rio de Janeiro; e o medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020 en triatlón. Ademais, actualmente é a número 1 do ránking mundial de Paratriatlón na categoría PTVI para deportistas con discapacidade visual.

O proxecto IUVIA, creado por Sofía Prosper Díaz-Mor e encadrada na industria 4.0, consiste nunha descentralización dos servicios da nube, centrada na privacidade dixital dos usuarios e usuarias e na súa soberanía tecnolóxica. Consta dun microservidor que se pode ter na casa e na oficina e permite aloxar de maneira fácil e segura o email, contactos, calendario e almacenamento. Premiado pola Axencia Española de Protección de Datos coma iniciativa de investigación científico-técnica cun enfoque estritamente práctico, permite aos traballadores compartir información e editar documentos de xeito colaborativo tendo a información na oficina ou noutro lugar seguro, sen precisar de terceiros que almacenen e procesen a información. Isto permite ao proxecto ter un impacto positivo en relación á crise económica derivada da COVID-19, xa que que pode permitir aumentar produtividade sen perder os requisitos de privacidade, así como achegar traballadores ao rural, cun acceso a súa propia nube de traballo.

Recoñecemento internacional
O coruñés Alberto Miguélez Rouco obtivo o Premio extraordinario de fin de grao en piano cunha nota media global de 9,16, e máis tarde rematou o seu segundo grao profesional no Conservatorio Profesional de Música da Coruña na especialidade de clave. Tras estudar na Schola Cantorum Basliensis de Basilea, en Suíza, e na UNED, mantén unha intensa actividade como solista, realizando concertos en numerosos países como España, Suíza, Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Noruega, Eslovenia, Estados Unidos e Portugal. Ademais, participou como coralista en diversas agrupacións profesionais, orquestras e academias musicais, e recibiu varios premios.