― A Xunta construirá un itinerario de algo máis de 400 metros na marxe esquerda da estrada, cunha anchura de 2 metros e separada da calzada por un bordo, para reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños
― A actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, iniciarase no segundo semestre de 2022, cun prazo de execución de 6 meses
― O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa a habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe
A Xunta recibiu un total de 10 ofertas de empresas interesadas en executar as obras da nova senda peonil na estrada AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda, licitadas por máis de 120.000 euros.
O obxectivo da Xunta é iniciar os traballos no segundo semestre de 2022. A obra conta cun prazo de execución de 6 meses.
O investimento que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, supera os 125.000 euros, tendo en conta o pagamento do único predio necesario para a súa execución.
O pasado día 8 de novembro realizouse o acto de levantamento de actas previas á ocupación para executar as obras, e está fixada para o vindeiro día 24 de xaneiro a formalización das actas e o pagamento dos depósitos previos.
A intervención será financiada con fondos europeos REACT-UE como parte da resposta á covid-19, dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Este contrato céntrase na execución dunha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.
Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terrizo natural e estará limitado da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante, acadando os 2 metros.
Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.
De xeito complementario, a Xunta ten solicitado á Dirección Xeral de Tráfico a instalación de medidas para o control de velocidade na recta da Tablilla, de cara ao calmado de tráfico e ao reforzo da seguridade viaria nesa zona.