Saturday 16 de November de 2024

Finaliza o asfaltado dos camiños que unen A Loxa e Lamestra ( Landoi) e Basanta e Lourido (A Pedra)


· Estas actuacións están financiadas con fondos municipais e a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2021-2022 do Agader.

A renovación da rede de estradas do Concello de Cariño continúa. Acaban de finalizar os traballos de asfaltado nos camiños que unen A Loxa e Lamestra, na parroquia de Landoi, e Basanta e Lourido, na parroquia da Pedra. Estes traballos, que contaron cun orzamento de 48.316,4 euros, están financiados con fondos municipais e a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2021-2022 do Agader.
Decidiuse actuar nestas dúas vías ao cumprir os requisitos do plan autonómico, por ser estes camiños punto de unión entre pequenos núcleos de poboación e que ademais se atopaban nun estado que facía difícil un paso normal dos vehículos.

A intervención que levou a cabo consistiu nunha pavimentación da totalidade do camiño aplicando unha capa de rodadura a base de regas asfálticos. Ademais, retirouse a vexetación existente, se reperfilaron as cunetas e, no caso da vía que une Basanta e Lourido, realizáronse pequenas actuacións para mellorar a drenaxe de pluviais.

O concelleiro de Obras do Concello de Cariño, Alberto Iglesias, explicou que “estas obras entran no plan de vías rurais do Concello e contribúen a mellorar a accesibilidade nunha parte moi relevante das parroquias da Pedra e Landoi”.

Un plan municipal que se executou progresivamente nos últimos anos e que permitiu renovar camiños en todas as parroquias: na de Cariño actuouse na estrada de Cabo Ortegal e a de Barreiros a Cariño de Arriba; na da Pedra en Murela, Fontao, Campo de Monte, Campanario e os accesos ao núcleo de Figueiroa e á praia de Figueiras; na de Sismundi na vía principal de comunicación entre as vivendas desde o centro social ata Cruz do Meixón e a propia pista de Cruz do Meixón; na de Landoi, ademais da actuación que acaba de finalizar, renovouse a vía de As Cabanas e a que une Landoi e Feás polo interior; na de Feás, ademais desta última, actuouse tamén na vía de San Pedro.