― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse esta tarde con representantes do sector para abordar a necesidade de aumentar os controis
― Reforzarase a coordinación coas forzas e corpos de seguridade para velar polo cumprimento das medidas vixentes
― Mantense a obrigatoriedade de amosar o certificado covid no ocio nocturno e nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías desde as 21,00 horas, así como o límite de 8 persoas por mesa no interior dos locais e de 15 nas terrazas
― A Xunta apela ao “sentidiño” e á responsabilidade dos profesionais da hostalería e dos clientes para poder manter os niveis de restricións actuais
A Xunta e os hostaleiros abordaron hoxe a necesidade de aumentar os controis para velar polo cumprimento das medidas vixentes no sector co obxectivo de frear o avance da covid coas normas actuais que serían polo de agora suficientes, sempre e cando se respecten.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avaliaron hoxe cos representantes dos hostaleiros galegos a evolución da incidencia da covid-19 e incidiron na importancia de cumprir as normas para poder manter as restricións no nivel actual sen ter que endurecelas.
A Xunta informará a representantes das distintas forzas de e corpos de seguridade
-Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil e policías locais- para abordar a coordinación dos dispositivos, que está previsto que se reforcen nas próximas datas, tendo en conta a proximidade das festas do Nadal. No encontro tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
Deste xeito, mantense a obrigatoriedade de amosar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- nos locais de ocio nocturno e nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías desde as 21,00 horas, así como o límite de 8 persoas por mesa no interior dos locais e de 15 nas terrazas.
Alfonso Rueda apelou ao “sentidiño” e á responsabilidade individual extremando as precaucións en canto á obrigatoriedade do uso da máscara e a distancia de seguridade, xunto co resto de medidas vixentes nos distintos ámbitos, para frear o avance do virus e que a necesidade de garantir a seguridade sanitaria se poida compatibilizar co mantemento da actividade económica da hostalería e o turismo.
No caso da hostalería, fixo un chamamento a que os profesionais do sector e os clientes respecten as normas para poder manter a situación actual. Ademais, sinalou que se intensificará a labor policial e os controis levados a cabo polos inspectores da Consellería de Sanidade sancionando os incumprimentos rexistrados.
Co obxectivo de dar estabilidade ao sector, a Xunta vén mantendo desde o inicio da pandemia un diálogo fluído e constante con representantes da hostalería e do ocio nocturno e cos que chegou a acordos coa posta en marcha de plans cos que precisamente garantir a continuidade da actividade.
A Xunta mantívose ao lado dos hostaleiros nos meses máis difíciles da pandemia e leva feito un importante esforzo neste ano para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento de máis de 120 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta.