— As cotas de captura e os períodos hábiles establecidos para cada especie recollen as propostas realizadas polos consellos provinciais de pesca
— Durante a reunión, tamén se expuxeron os principais resultados do estudo sobre a contribución dos salmónidos na dieta do corvo mariño grande, que continuará o ano que vén para implementar un plan de manexo das poboacións da especie en Galicia
A tempada de pesca fluvial en Galicia para o ano 2022 comezará o vindeiro 20 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así foi acordado esta mañá durante a reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e contou coa participación por videoconferencia dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade.
Durante a xuntanza, analizáronse as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente e regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, abordándose tamén o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.
Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 20 de marzo prolongándose a súa pesca ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente o 1 de maio. Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro; mentres que nos coutos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata esta mesma data na modalidade de pesca sen morte.
No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e ata o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie serán similares ás do ano pasado nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Concretamente, no río Mandeo (A Coruña) establécese en cinco exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota será de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de oito salmóns.
Pola súa banda, na provincia de Pontevedra estableceuse unha cota de 30 exemplares no caso do río Ulla mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue a ser dun salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos.
Polo que respecta ao reo, mantense o período xeral do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.
Na reunión do Consello Galego de Pesca Continental tamén se abordaron as xornadas hábiles para a vindeira tempada así como distintas propostas trasladadas polos consellos provinciais de pesca.
Finalmente, informouse sobre os resultados do estudo encargado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre a análise da importancia do salmón na dieta local do corvo mariño grande e medidas de manexo da poboación invernante do corvo mariño grande nos coutos salmoneiros do río Ulla e o seu efecto sobre os stocks de repoboación de troita común e salmón.
Os resultados deste proxecto foron expostos polo profesor Jesús Domínguez Conde, do departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, que na súa presentación avanzou tamén cales serán as liñas básicas da continuación deste estudo durante a tempada 2022 para outros salmónidos (troita), co fin de poder dispoñer da mellor información técnica actualizada que permita a implementación dun posible plan de manexo das poboacións desta especie en Galicia.