· O grupo Big Van (Científicos como unha seda) chega este luns ao municipio cun espectáculo de monólogos científicos.
· Investigadores de varias disciplinas explicarán a actualidade científica no Auditorio Municipal
· A actividade forma parte do proxecto de divulgación científica Ciudad Ciencia, desenvolto polo CSIC e a Obra social “a Caixa” en colaboración con 50 concellos de toda España
Científicos e científicas que fan rir ao público respondendo a preguntas como que é a epigenética?, como se descubriu o bosón de Higgs?, ou en que se diferencia un teorema dunha conxectura? Aínda que pareza difícil, isto é posible con Big Van, un grupo de investigadores e investigadoras en activo que contan o seu labor diario en forma de monólogo. Estes ‘Científicos como unha seda’ estarán en Cariño este luns, 13 de decembro no Auditorio Municipal, falando de matemáticas, bioquímica, física e astronomía, entre outras materias, con moito rigor e altas doses de humor. A actividade celebrarase en dúas sesións. Ás 16:00 horas o grupo Big Van estará con estudantes do IES Cabo Ortegal. Pola tarde, os Científicos como unha seda repetirán o seu show ás 20:00 horas nunha sesión aberta a todo o público.
Big Van é unha actividade que se realiza en contornas tan dispares como teatros, museos, colexios ou mesmo bares. O importante, segundo os seus protagonistas, é “contar o máis interesante da ciencia dunha forma rigorosa, pero tamén divertida, amena, sorprendente, excitante”.
Esta iniciativa enmárcase en Ciudad Ciencia (www.ciudadciencia.es), un proxecto de divulgación científica que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) puxo en marcha xunto con municipios como Cariño co fin de que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.