Monday 25 de November de 2024

O proxecto de inserción sociolaboral no sector primario da Pobra contará con xornadas formativas


Como antesala do inicio do proxecto de inserción sociolaboral colectiva baseada na produción e comercialización de cultivos vexetais baixo os criterios da agroecoloxía, o cooperativismo e a economía social que implantará no municipio a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Amparo Cerecedo (BNG), en colaboración coa Federación Rural Galega (Fruga), desenvolveranse unhas xornadas formativas tituladas Agroecoloxía: autoemprego colectivo para unha vida digna e sustentable que están abertas a toda a cidadanía en xeral.

No 17 de decembro impartirase Aterrando na Pobra, co obxectivo de coñecerse e reflexionar colectivamente, ademais de compartir experiencias e expectativas. Transcorrerá na Casa da Mocidade, en horario de 17.00 a 20.00 horas.

E no día 18 procederase con Alimentando A Pobra, que consistirá nun percorrido pola contorna dende as 10.30 ata as 13.30 horas, con saída dende a propia Casa da Mocidade. Mediante esta visita interpretativa, as persoas participantes aproximaranse á leira e á produción agroecolóxica e coñecerán os recursos para unha planificación adecuada dos cultivos. Ademais, pola tarde, o Auditorio do Museo Valle-Inclán acollerá a última das sesións, de 17.00 a 20.00 horas, que versará sobre as alternativas de comercialización e xestión de proxectos produtivos agroecolóxicos e terá lugar a propia presentación da iniciativa.

Cómpre indicar que o proxecto nace, ademais de como resposta ás necesidades específicas no eido de inserción laboral detectadas no ámbito municipal polo persoal técnico do Concello, para facer fronte á actual crise ecosocial global que afecta distintos eidos. Para o seu deseño e a súa posta en práctica configurouse, dende unha perspectiva de intervención socioeducativa baseada na participación e no apoderamento colectivo, un equipo multidisciplinar.

A dita iniciativa componse de tres eixos: unha formación práctica no terreo sobre a produción agroecolóxica de cultivos vexetais; un posterior acompañamento, supervisión e asesoramento na xestión dos cultivos no terreo; e unha dinámica de intervención socioeducativa baseada na dinamización e asesoramento técnico para a inserción sociolaboral colectiva a través de modelos asociados ao cooperativismo e á economía social.

Para máis información, habilítase o teléfono de contacto 981377610.