O Boletín Oficial da Provincia deste venres 10 de decembro recolle o acordo adoptado hai unha semana pola Xunta de Goberno Local de Fene relativo á oferta de emprego público deste ano. Na lista reflíctense ata 34 vacantes para persoal laboral e funcionario que atenden ás necesidades de reposición por xubilacións nos distintos servizos e ao obxectivo de estabilizar postos de emprego temporal, ademais de prever a cobertura de tres prazas mediante promoción interna. Trala publicación da OEP-2021, o Concello deberá ter completados os procesos selectivos e a incorporación do persoal no prazo máximo de tres anos que, porén, o Goberno local agarda non esgotar.
Unha das prioridades da Área de Persoal do Concello de Fene desde 2020 é a de axilizar todos os procedementos relativos ao cadro de persoal municipal e, neste sentido, arestora encóntranse en distintas fases as ofertas de emprego público de 2018, 2019 e 2020, cuxa cobertura de prazas se está facendo de maneira simultánea para as tres OEP. En total son 21 vacantes, das cales xa están provistas catro, outras oito están convocadas e nove -na súa maioría para promoción interna- están pendentes de publicarse.
Aos procesos en marcha engádeselles agora o correspondente á anualidade de 2021 que, igual que os anteriores, pretende cumprir coas taxas de reposición nos distintos servizos por mor de xubilacións -7 prazas-, cubrir a taxa adicional para estabilización do emprego temporal de persoal laboral -24 vacantes- e favorecer a promoción interna en tres postos de funcionariado.
Facendo a suma sae que a OEP 2021 convocará no seu momento un total de 34 prazas, a maior oferta de emprego dos últimos anos e un auténtico reto para a Administración local, que deberá fixar os procedementos de provisión de cada vacante, preparar as bases, publicalas, conformar os tribunais e desenvolver as avaliacións, agardando entre cada fase os prazos que marca a lei. “Convocar un proceso selectivo é un traballo moi complexo e nesta oferta de emprego aínda máis, xa que serán 23 convocatorias (varias delas son para máis dun posto) para cubrir un total de 34 prazas necesarias de cara a garantir o correcto funcionamento dos servizos municipais.”, comenta a responsable da Área de Persoal, Sandra Permuy.
A concelleira engade a este respecto que o Concello reforzará os departamentos que interveñen na parte administrativa das convocatorias “para axilizar tanto as oposicións pendentes como as que requirirá a oferta de emprego público de 2021. En Fene viña sendo habitual esgotar os prazos máximos que marca a lei e agora, a pesar do freo que supuxo a pandemia, queremos tender a que a OEP aprobada un ano poida estar completada ao ano seguinte ou como moito sen sobrepasar os 18 meses. É un obxectivo factible, pero fai falla ter persoal dedicado case exclusivamente ao traballo de preparación dos expedientes e de seguimento das convocatorias”.
A OEP 2021 aprobouse na Xunta de Goberno Local do pasado 2 de decembro e saiu publicada no Boletín Oficial da Provincia deste venres. As 7 prazas de preposición de efectivos son para persoal do departamento de obras e servizos, arquivo, administración e xestión económica. As 24 de estabilización de emprego temporal son todas de persoal laboral para os departamentos de obras e servizos, administración, SAF, Cultura, Servizos Sociais, desenvolvemento local, fomento do emprego e formación. Completan o catálogo as prazas de promoción interna para persoal funcionario, dúas de conserxaría e unha de oficial de obras.