― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou a ocupación por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas ou superiores, así como nos que ofertan spa ou similares, ademais do turismo rural, no que algúns establecementos da provincia de Ourense acadaron o 100%
― O sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos, cifras que foron baixando paulatinamente nas noites de domingo e luns
― Alfonso Rueda presentou hoxe xunto coa presidenta da Asociación Galega de Vivendas Turísticas, Dulcinea Aguín, a actualización da plataforma de reservas vitgal.es que permitirá buscar os aloxamentos situados nas distintas rutas xacobeas
― O Goberno galego renova tamén a colaboración para afondar a ordenación destas vivendas a través da web legaliciate.gal para guiar aos propietarios no proceso de regularización e participará na organización de actividades formativas para mellorar a profesionalización do sector
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, Galicia rexistrou durante esta ponte unha ocupación media ata o luns dun 75-80%, onde destaca a ocupación por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas ou superiores, así como nos que ofertan spa ou similares, ademais do turismo rural, no que algúns establecementos da provincia de Ourense acadaron o 100%. O sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos, cifras que foron baixando paulatinamente nas noites de domingo e luns.
Alfonso Rueda acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe xunto coa presidenta da Asociación Galega de Vivendas Turísticas (Aviturga), Dulcinea Aguín, a plataforma vitgal.es destinada á reserva de vivendas de uso turístico (VUTS) da comunidade permitirá localizar as que se atopan nas distintas rutas do Camiño Santiago, co obxectivo de fomentar neste Xacobeo 21-22 na comercialización deste tipo de aloxamentos nos mercados nacionais e internacionais con potencial turístico para Galicia.
As novas funcionalidades desta plataforma inclúense no proxecto integral de promoción das VUTS, no que a Xunta colabora con 80.700 euros e inclúe tamén a renovación da campaña para reducir as vivendas de uso turístico non regularizadas a través da plataforma legaliciate.gal, así como a posta en marcha de formación e profesionalización dos propietarios desde a Escola de Anfitrións de Aviturga.
No marco desta colaboración, a web vitgal.gal incorporará un servizo de atención telefónica para activar novas vivendas na plataforma de reservas, mentres que no caso de legaliciate.gal crearase tamén un servizo de atención telefónica de asesoramento para activar unha propiedade como vivenda de uso turístico.