En cumprimento do acordo plenario acadado o 4 de decembro, en canto os grupos políticos designen representante crearase a Comisión de Estudo que perfilará a empresa municipal de enerxía
O goberno local e a Marea Atlántica traballan conxuntamente nas encomendas do Concello a Emalcsa para a posta en marcha da Oficina da Enerxía e o Mapa das Enerxías renovables
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu hoxe traslado ao Consello de Administración de Emalcsa, a empresa municipal de augas, do acordo plenario do 4 de decembro para impulsar un operador enerxético 100% público na Coruña. Antes de final de ano convocarase un Consello de Administración e unha Xunta Xeral monográficas que permitirán iniciar os trámites para que Emalcsa asuma estas novas funcións.
Deste xeito, dase un novo paso para que A Coruña se dote dun operador eléctrico municipal. A comezos do ano que ven iniciará o seu traballo a Comisión Mixta político-técnica que se encargará de perfilar o proxecto, polo que Inés Rey, tamén presidenta de Emalcsa, emprazou aos grupos políticos da Corporación a designar aos seus representantes, que colaborarán con persoal técnico.
Pola súa banda María García, voceira da Marea Atlántica, lembrou que este foi un dos acordos asinados para a investidura da alcaldesa, e celebrou os avances das últimas semanas, pois “unha empresa eléctrica municipal aumentará a capacidade de actuar desde o público na loita contra a pobreza enerxética, a protección ambiental, tomando decisións sobre un ben esencial como é a electricidade, e garantíndolle o servizo aos fogares sen recursos”.
Primeiros pasos do Mapa das Enerxías Renovables e a Oficina da Enerxía
Durante a presentación das Previsións de Ingresos de Gastos de Emalcsa para 2022, o director xeral da empresa, Jaime Castiñeira, anunciou que no PAAIF existen fondos para impulsar o Mapa das Enerxías Renovables da Coruña, que permitirá localizar os mellores puntos para producir enerxía limpa na cidade e a súa área ,e para a posta en marcha da Oficina da Enerxía, que asesorará á veciñanza no trato coas eléctricas e axudará a baixar a súa factura da luz.
Estas iniciativas, Mapa e Oficina, forman parte do acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica, e tamén das encomendas do Pleno. Ambas partes están xa a traballar para iniciar a súa posta en marcha antes dun mes.