Friday 22 de November de 2024

O Concello adxudica a dirección de obra para completar a urbanización do barrio de Xuxán


A alcaldesa, Inés Rey, deu conta dos asuntos tratados esta mañá polo Goberno municipal, entre os que tamén destaca a catalogación do número 4 da rúa Sinagoga ou o convenio co Circo de Artesáns

A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobou a adxudicación da dirección das obras que completarán a urbanización do polígono de Xuxán. A compañía de servizos de enxeñería Eptisa farase cargo de ditos traballos.

O proxecto de urbanización de Xuxán, recentemente adxudicado, ten un prazo de execución de 18 meses e conta cunha serie de intervencións entre as que se proxecta o soterramento parcial das vías do tren e a construción das pontes sobre as vías que comunican Xuxán con Matogrande. Ademais, está prevista a construción dunha nova praza central no barrio de Xuxán, onde se instalarán tres pérgolas. Tamén na praza central está prevista a creación de dúas zonas de xogos infantís, ás que se sumarán outras dúas situadas en espazos libres a cada extremo do barrio.

Os avances urbanísticos no barrio de Xuxán continuarán coa disposición de zonas verdes. Con ese fin o Concello plantará 1.800 árbores, repartindo polas rúas do distrito diversas variedades como castiñeiros de Indias, tileiros, liquidámbar, aligustres e árbores das bruxas, así como bidueiros, carballos americanos, magnolios e árbores de Xúpiter nas prazas.

Prevese tamén axardinar 25.000 metros cadrados de zonas de céspede, plantándose arbustos e zonas tapizantes nas ribadas. A humanización da contorna completarase coa instalación de zonas biosaudables e mobiliario urbano, con 100 bancos, 13 fontes e 186 papeleiras.

O pasado 29 de novembro remataron os traballos necesarios para a apertura da rúa Santa Teresa de Jornet ao tráfico, tamén no barrio de Xuxán. O obxectivo do novo plan de urbanización e desta actuación en concreto é facer que este novo barrio da cidade conte con varios accesos co resto da cidade.

Sinagoga
A Xunta de Goberno Local autorizou tamén a proposta de modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reparación Interior da Cidade Vella e Pescaría (Pepri) para a incorporación ao catálogo do número 4 da rúa Sinagoga. Faise “en base aos informes de expertos presentados na Comisión do Plan especial que, á vista dos restos atopados e debido á importancia dos mesmos e a relevancia histórica do edificio, recomendaban a súa catalogación”, explicou Inés Rey.

O edificio catalogarase con nivel estrutural. A proposta municipal consiste en incluír as edificacións, escudos e elementos arqueolóxicos existentes nas parcelas da rúa Sinagoga e a súa recalificación como dotación pública local destinada a usos administrativos e culturais.

Residencia de maiores na praza de Ourense
Por outra banda, Inés Rey tamén informou de que a Fundación San Rosendo recibiu autorización para a construción dunha residencia de maiores no número 9 da praza de Ourense. A rehabilitación e ampliación deste edificio suporá un investimento de 2 millóns de euros.

O obxectivo da entidade é a creación dun espazo con 40 prazas para persoas maiores, o que supón o aumento das plantas do inmoble a sete. A licenza permitirá a derruba do interior, mais os promotores deberán conservar o deseño orixinal da fachada principal. O prazo de execución é de dous anos e os traballos comezarán nos próximos seis meses.

“Con esta, son 43 as licenzas de máis de 1,2 millóns de euros que aprobamos neste mandato. Hoxe tamén autorizamos 29 licenzas máis. Destacan as que permitirán obras en equipamentos como Padre Rubinos ou a Facultade de Ciencias, en empresas como Coca-Cola ou o derrubamento da vivenda conflitiva de Corrales”, apuntou a alcaldesa.

Outros asuntos
Por outra banda, a XGL tamén deu a súa aprobación á licitación mediante concesión administrativa de 24 postos en mercados que estaban baleiros. Trátase de dous en Ramón Cabanillas, 14 en San Agustín, 7 na praza de Lugo e un en Elviña. “Damos con esta licitación un impulso á ocupación de postos en mercados co obxectivo de seguir contribuíndo á súa revitalización.

Por último, a XGL aprobou o convenio da concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación co Circo de Artesáns para traballar na revitalización deste espazo emblemático. Inés Rey confirmou que desde a área de Cultura estase a traballar para dar impulso á colaboración municipal nas actividades que se realicen desde esta histórica entidade, así como na apertura dunha sala de estudo para opositores e na catalogación da súa biblioteca, con fondos bibliográficos de gran valor histórico e cultural.