Friday 22 de November de 2024

Xa se pode recoller no Concello e na Casa da Cultura o calendario “San Sadurniño 2022”


O Concello editou 500 exemplares gratuitos, centrados nesta edición no patrimonio municipal

O calendario propón facer un percorrido polos bens máis destacados do territorio e incorpora códigos QR para descubrir a situación e outra información de cada elemento

12 fotos, unha por mes, máis a que vai na portada, todas feitas en San Sadurniño. Falamos do calendario 2022 que edita o Concello por terceiro ano consecutivo e ao que hoxe mesmo se lle fixeron os últimos axustes antes de mandalo á imprenta para que se poida empezar a recoller de balde nas oficinas municipais desde a primeira semana de decembro. O tema elixido para ilustrar o paso dos meses é nesta ocasión o patrimonio máis destacado que temos repartido polo territorio. De feito, o calendario concibiuse como un percorrido visual que arranca en San Sadurniño e dá unha volta completa polas outras seis parroquias antes de volver ao punto de partida. O pazo, o castelo de Naraío, a “cama” de San Vicente, o campanario de San Xiao de Lamas e outros elementos vanse dispoñendo nun itinerario circular que mesmo se pode facer en coche ou a pé seguindo as indicacións dos códigos QR que acompañan a cada imaxe.

Tal e como explica a responsable de Cultura, Amparo Calvo, o calendario 2022 recupera a idea temática que había cando se editou o primeiro, publicado para as datas do Nadal de 2019 (o almanaque 2020). “Daquela sopesamos facer un calendario sobre o patrimonio e despois optamos por reflexar nel instantes de distintas actividades deportivas e culturais organizadas polo Concello. Ao ano seguinte, cando preparamos o almanaque 2021, estabamos en plena pandemia e quixemos ilustralo con imaxes que nos falasen do vivido ata ese momento e que lanzasen ao mesmo tempo unha mensaxe de esperanza. Para o do ano que entra volvemos á idea inicial e por iso fixemos unha escolma de lugares cun patrimonio relevante”.

A escolla das imaxes -boa parte delas captadas ao longo do ano que agora remata pensando no calendario- responde á idea de conseguir que a publicación fose “algo máis que fotos postas enriba dos meses”, comenta Calvo. Esa é a razón de que desde a portada até o mes de decembro se poida facer unha viaxe polo municipio “só con pasar as follas e seguindo un camiño lóxico”.

A concelleira explica que “non aparecen todos os lugares que poderían aparecer nin tampouco seguimos un criterio de proporcionalidade territorial, senón o de reflectir unha primeira colección de patrimonio que en anos sucesivos se pode enfocar noutros elementos, como por exemplo un percorrido polos lavadoiros, polos hórreos, pola arquitectura… hai moitas posibilidades e, esperemos, tamén moitos almanaques por vir”.

Así, a primeira páxina -a que se ergue tan pronto como comeza xaneiro- leva unha imaxe exterior do antigo Pazo da Marquesa e, desde aí, saltamos a Naraío para achegarnos á fonte de San Roque, a ponte da Ferraría e o castelo, “igual que se estivesemos facendo a ruta de sendeirismo do Castro”. Despois chegamos ás espectaculares pinturas ao fresco da igrexa de Igrexafeita e logo baixamos a Ferreira, parando primeiro no pico de San Vicente e logo no palco da música da Seara.

Desde Ferreira, o percorrido visual encara o norte do concello deténdose en Penacastrelo para ollar desde alí, encadrado na galla dunha árbore, o esvelto campanario de San Xiao de Lamas. Na procura do patrimonio a seguinte parada é o castro de Bardaos, cunha espectacular imaxe aérea tomada desde a vertical do outeiro, o único do Concello que aínda non sucumbiu debaixo das plantacións de eucalipto.

O tramo final do percorrido roposto na secuencia fotográfica salta desde Bardaos até Santa Mariña do Monte cunha imaxe nocturna da capela da Esperanza, situada ao pé dunha fonte “que marabilla a quen teña un pouquiño de sentido contemplativo”, tal e como reseñaba nun texto publicado en Fálame de San Sadurniño o crego Ramón Díaz Raña, párroco do lugar durante case 20 anos.

Desde alí, a viaxe visual e patrimonial recollida no calendario baixa a San Sadurniño para suxerirnos novos puntos de vista do conxunto eclesiástico do Rosario -o claustro e o adro-, antes de regresar de novo ao punto de saída, a Casa do Concello, coa que se pecha a andaina circular e tamén o ano 2022.

Códigos QR para saber dos sitios
As doce imaxes que compoñen o deseño levan incorporado un pequeno código QR que se pode escanear co móbil para abrir a súa localización concreta en Google Maps “por se queda alguén que aínda non saiba onde se encontran os elementos, sobre todo os menos coñecidos”, explica a concelleira. Esa é precisamente a segunda parte da idea: facer un calendario en papel coma os de toda a vida, pero que fose tamén interactivo. “Os códigos abren o mapa coa situación de cada ben, onde hai fichas explicativas do seu valor histórico e patrimonial”.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño leva varios anos actualizando e sinalando nos mapas de Google os enclaves máis destacados do territorio xunto coas súas descricións e fotografías. A conta municipal nesta plataforma é Local Guide de nivel 6, con preto de 3.000 puntos acumulados até o momento e case 300 fotografías publicadas que foron visualizadas máis de 830.000 veces. “Posiblemente sexamos un dos concellos que máis coida a súa presenza en Google Maps, actualizando, engadindo e corrixindo cada pouco as referenzas que hai ao noso territorio” asegura Amparo Calvo. “Ademais así tamén nos foi máis doado vincular o calendario cos mapas”.

500 exemplares
O calendario “San Sadurniño 2022” pode recollerse desde esta semana nas oficinas municipais e na Casa da Cultura.

Da publicación, coordinada pola Concellaría de Cultura, encargáronse o fotógrafo e xornalista César Galdo -autor das imaxes e dos textos que as acompañan- e o deseñador Juan Luís Fernández (Juanlu Nacha), quen optou por manter a grandes trazos a liña gráfica das dúas edicións anteriores. A tirada é de 500 exemplares.