― O colexio da Laracha recibiu hoxe o diploma que o acredita como un dos galardoados da última edición, grazas á recollida de máis de 46,41 quilos de pilas por alumno, o que lle reportou 1.250 euros de recompensa para material escolar ou deportivo
― Os centros educativos de primaria e secundaria que estean interesados en participar poden inscribirse en liña na páxina da campaña
― A finalidade desta iniciativa de sensibilización ambiental é fomentar entre a poboación escolar a recollida selectiva dun tipo de residuos que se caracteriza pola súa alta carga contaminante
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, entregou esta mañá ao director do CEIP de Caión na Laracha o diploma que acredita o segundo premio acadado na segunda edición do concurso de recollida de pilas Pilabot, un certame no que participaron 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia e que se saldou coa recollida de preto de 59 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, un 34% máis na primeira edición.
Este concurso constaba de dúas categorías: quilos de pilas, baterías e acumuladores recompilados nos contedores dos propios centros e cifras de recollida por alumno.
Concretamente, na segunda categoría o CEIP de Caión acadou o segundo premio con 46,41 kg recollidos por alumno só superado polo Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia, que acadou o primeiro premio cun ratio de recollida de case 87 Kg por alumno.
En total, os 33 alumnos do centro educativo larachés recolleron 1.531,40 quilos de pilas, o que lles reportou 1.250 euros de recompensa para material escolar ou deportivo. Grazas a este recoñecemento o centro recibirá 1.250 euros que serán empregados para a organización de actividades entre os alumnos e para renovar o equipamento de xogos para o recreo.
Campaña ‘Pilabot’
Así, os colexios da provincia da Coruña poderán seguir o exemplo do CEIP de Caión na que será a terceira convocatoria de Pilabot. Gonzalo Trenor animou aos centros educativos a implicarse nesta nova campaña, que conta cun total de 150 prazas dispoñibles.
Os centros teñen de prazo ata mañá, 10 de decembro, para inscribirse a través da páxina web de Pilabot.
A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores de xeito que unha vez pechada a inscrición, repartiranse entre todos os participantes bidóns colectores e material informativo como paso previo ao arranque da recollida, que comezará oficialmente o 13 de xaneiro e se prolongará en cada centro durante un período de seis semanas.
Cómpre lembrar que a campaña Pilabot foi posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores deste tipo de residuos autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec).
As pilas e baterías son un tipo de residuos que teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.
Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas ou reloxos, polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.