Saturday 16 de November de 2024

Feijóo salienta que a Galicia cordial foi, é e será a base para unha Galicia moderna e próspera


Salienta que as portadas, os artigos, noticias e reportaxes, permiten entender –para evitar volver cometer- os erros acumulados, e igualmente ser partícipes dos nosos grandes logros como país para non infravaloralos nunca

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a Galicia cordial foi, é e será a base para unha Galicia moderna e próspera como a que se ten debuxado nas últimas dúas décadas; “esa Galicia que viviu nestes últimos vinte anos unha etapa de progreso sen precedentes e que mira ao futuro con ilusión, ambición e esperanza”, dixo.

Nesta liña, e durante unha visita á exposición ‘ABC, 20 anos en Galicia; Galicia, 112 anos en ABC’, Feijóo convidou a aquelas voces que insisten en ignorar este espírito de concordia que albergan os cidadáns, “que insisten en levantar murallas imaxinarias onde non as hai e que insisten en axitar o discurso da desconfianza e da división”, a ver esta mostra para ler e recordar o relato dun proceso autonómico que se fixo buscando sempre puntos en común, e non fomentando a discordia.

Feijóo salientou que as portadas, os artigos, noticias e reportaxes, permiten entender –para evitar volver cometer- os erros acumulados, e igualmente ser partícipes dos nosos grandes logros como país para non infravaloralos nunca; “podemos mergullarnos en tempos xa pasados, comprender a linguaxe de cada época e os acontecementos que a marcaron en cada momento”, engadiu.

O titular da Xunta concluíu lembrando que nas páxinas deste xornal atoparon acubillo moitos dos grandes xornalistas que, sen perder de vista Galicia, contaron as cousas que ocorrían en España e no mundo. “A pluma de Manuel Linares Rivas, as crónicas parlamentarias de Wenceslao Fernández Flórez, a fortaleza de Sofía Casanova, a opinión de Torrente Ballester, ou a retranca de Julio Camba son algúns exemplos dos que fixeron posible que a nosa forma de ver e entender o mundo teña unha fonda pegada nas páxinas deste xornal”, salientou.