Friday 22 de November de 2024

O Concello consolidará a peonalización da rúa San Leopoldo, na Agra do Orzán, dispoñendo plataforma única, arboredo e xogos infantís no pavimento


O servizo municipal de Infraestruturas reurbanizará tamén a travesía da Torre co obxectivo de gañar espazos peonís para a cidadanía

O Concello da Coruña acometerá próximamente a peonalización definitiva da rúa San Leopoldo, situada na Agra do Orzán, onde comezou unha experiencia piloto durante o Nadal do ano pasado, consensuada cos cidadáns e comerciantes do barrio para favorecer a mobilidade polo distrito, e que segue vixente na actualidade.

Agora o Concello da un paso máis para a recuperación do espazo peonil, seguindo a liña de humanización e mellora do espazo público marcada pola alcaldesa, Inés Rey. O proxecto de consolidación da peonalización en San Leopoldo contempla que a rúa pase a ser de plataforma única, coa colocación de arboredo (11 exemplares) repartidos en zonas axardinadas que estarán ubicadas na franxa central da rúa. A maiores, tal e como solicitou a Asociación de Veciños da Agra, levaranse a cabo traballos de pintura no pavimento para que as pequenas e pequenos dispoñan de xogos infantís de carácter educativo.

A intervención complementarase, ademais, coa elevación do cruce con Andrés Gaos para dar prioridade á mobilidade peonil, así como á seguridade e accesibilidade á zona. E, por outra banda, aproveitarase a obra para recuperar unha escultura de José Castiñeiras que estaba situada na rúa Barcelona e foi retirada hai unha década. Esta obra volverá a lucir na Agra do Orzán, dando continuidade á restitución do conxunto escultórico de Castiñeiras iniciada durante este mandato. Xa en outubro do ano pasado, o monumento ós Liberais regresou á praza das Conchiñas tras sete anos almacenado.

A reurbanización da travesía da Torre
A Concellaría de Urbanismo, Infraestruturas, Mobilidade e Vivenda, que dirixe Juan Díaz Villoslada, prevé executar, en paralelo á peonalización de San Leopoldo, a reurbanización da travesía da Torre, no barrio de Monte Alto. O obxectivo é garantir a accesibilidade universal dos seus percorridos peonís. O proxecto contempla a reordenación deste ámbito dispoñendo unha plataforma única que diferenciará as zonas para peóns e as do tráfico rodado con distintos pavimentos. Ademais, plantaranse 14 árbores.

A intervención na travesía chegará tamén ao cruce coas rúas Tren e Disciplina, onde se reformarán os cruces para aumentar os espazos peonís, evitando o estacionamento indebido neses puntos.