Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoia o impulso do turismo activo para consolidar Galicia como destino de natureza e deporte


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio coa Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza (AGETAN) para colaborar cunha achega de case 150.000 euros no impulso das actividades desta oferta turística

― Alfonso Rueda incidiu en que o turismo activo encaixa cos piares do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro que aposta por unha oferta turística na comunidade baseada na seguridade, a calidade e a sustentabilidade

― Sinalou que este sector contribúe ademais a ofrecer unha proposta turística diversificada e adaptada ás demandas dos viaxeiros poscovid que buscan un turismo tranquilo en espazos abertos en contacto coa natureza

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe no ecoparque multiaventura de Marín a importancia do turismo activo para consolidar Galicia como destino de natureza e deporte. Por iso, a Xunta apoia este tipo de turismo e colaborará coa Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza (AGETAN) no impulso do consumo de actividades relacionadas con este sector. Ao acto tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Alfonso Rueda asinou hoxe co presidente de AGETAN, José Luis Fernández Vázquez, un convenio de colaboración a través do que a Xunta achegará unha axuda de case 150.000 euros a través do que, entre outras medidas, a organización porá en marcha produtos de turismo activo máis sostibles, incluíndo a información, a formación e o asesoramento ás empresas deste ámbito para a súa implantación. Ademais, o acordo conleva accións de promoción do turismo de activo e a activación dunha canle de reserva directa na web da asociación www.turismoactivo.gal para acceder ás distintas actividades.

Segundo o vicepresidente primeiro da Xunta, o turismo activo encaixa co modelo do turismo galego para os próximos anos que o Goberno galego está a deseñar co Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas no marco do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro. Así, a aposta por un turismo seguro, de calidade e sostible son piares deste modelo.

Na mesma liña, Alfonso Rueda incidiu en que a Xunta vén apoiando ás empresas do turismo activo para que Galicia tamén sexa un destino seguro para os visitantes que desexen desfrutar de experiencias que combinen o deporte e a aventura ao aire libre. De feito, lembrou que os viaxeiros poscovid cada vez buscan máis propostas vinculadas a un turismo tranquilo en espazos abertos e en contacto coa natureza, que se adapta tanto á oferta turística de Galicia en xeral, como en particular á que ten que ver co turismo activo.

Con este convenio, a Xunta da continuidade á colaboración coa asociación que xa se levou a cabo o ano pasado con AGETAN co programa Galicia Destino Seguro. Turismo Activo, acompañando a estas empresas na implantación de tódalas medidas de prevención ante a covid e no reforzo da formación en novas tecnoloxías co obxectivo de reactivar este turismo.

Ademais, Alfonso Rueda reafirmou o compromiso da Xunta co turismo activo tamén polo seu papel para poñer en valor unha oferta diversificada coa que atraer turistas á comunidade fóra da tempada alta, ao igual que outros ámbitos como o turismo náutico, o deportivo, o rural, o termal ou o enogastronómico. Deste xeito, o turismo activo axuda a desestacionalizar a oferta turística e a dinamizar a economía dos concellos máis pequenos e as zonas máis rurais.