No tocante ás convidadas que relataron a súa experiencia empresarial durante o acto conmemorativo, afirma que son a proba do liderado que moitas emprendedoras coma elas están a asumir en sectores nos que Galicia imprime unha marca propia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación este ano dun decreto de medidas para o fomento do emprendemento e do autoemprego feminino e avogou por sumar esforzos para romper as barreiras da desigualdade.
Feijóo, que presidiu o acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, referiuse a esta xornada como a constatación de que ‘Con mulleres hai Galicia’, e hai innovación, progreso, tradición, raíces, talento e futuro, como reza o lema escollido para celebrar esta data. “É unha afirmación rotunda coa que estamos apelando á igualdade desde unha óptica positiva, e facémolo resaltando o carácter emprendedor das mulleres galegas”, aseverou.
Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego afirmou que as seis convidadas que relataron a súa experiencia empresarial son a proba do liderado que moitas emprendedoras coma elas están a asumir en sectores nos que Galicia imprime unha marca propia: “A chef viguesa Inés Abril, achegando innovación ao sector ‘Marca Galicia’ por excelencia: a gastronomía. A deseñadora Idoia Cuesta, levando ás pasarelas un oficio tan tradicional como a cestería. A ourensá Myriam Vázquez, dirixindo a estratexia de internacionalización da empresa familiar Viños e Adegas Galegas. Verónica Núñez, ofrecendo desde a súa empresa, Caurelor, as calidades gourmet da castaña do Caurel. Virginia Rodríguez, reinventando a arte da xoiería coa súa marca Xoias a Raspa. E Cristina Román, facendo industria no sector primario á fronte da queixería Don Gabino, de Vilalba”, salientou.
Feijóo aseverou que todas elas son exemplos de como aunar a esencia das nosas raíces coa innovación, “porque o saber facer destas emprendedoras bebe da tradición, recolle o legado de xeracións pasadas, e sitúao á vangarda das novas tendencias”.
Compromiso do Goberno galego
Ao fío disto, garantiu o compromiso do Goberno galego reflectido na Lei de emprendemento, “que aprobamos recentemente e que recolle unha mención específica á promoción das mulleres emprendedoras”. Unha norma que consolida esta materia como parte fundamental da política económica da Xunta e que vén sumarse a outras iniciativas como: o programa EMEGA de apoio directo ás mulleres emprendedoras, que inclúe unha liña específica para proxectos innovadores; o convenio asinado pola Xunta coa Fundación Escola de Organización Industrial para a posta en marcha do Proxecto Emprendedoras e a Plataforma Dixital de Emprendemento Feminino de Galicia; e as convocatorias de axuda da Axencia Galega de Innovación, que contan cunha valoración específica daqueles proxectos nos que participan mulleres.
Así mesmo, o titular da Xunta afirmou que as políticas do Goberno galego a prol da igualdade teñen neste momento o seu principal reflexo na estrutura interna do propio Executivo “onde, ata hai ben pouco, as mulleres eran maioría no Consello da Xunta por primeira vez na súa historia; e, agora, están en estrita igualdade conselleiros e conselleiras”. E, lembrou que desde que en marzo se constituíu o Consello Galego das Mulleres, a Administración galega conta cun órgano consultivo específico e cun interlocutor único que representa ás principais asociacións, para escoitar as demandas deste colectivo á hora de deseñar as políticas de actuación.
Nesta mesma liña, salientou que nestes anos o Instituto Galego de Estatística ten asumido a responsabilidade de integrar a perspectiva de xénero na totalidade da súa actividade estatística, como así o indica o VI Plan de igualdade; e os Orzamentos da Comunidade contan cunha subcomisión de análise de xénero integrada na Comisión de análise e avaliación dos obxectivos de cada programa de gasto. “E elaboraremos tamén, este ano, unha Guía de cláusulas sociais para a contratación pública, co fin de que a igualdade de xénero estea entre os criterios que deben ter en conta as administracións nos procedementos de contratación”, engadiu.
Políticas activas
Ao longo do acto, Feijóo referiuse tamén ás políticas activas que a Xunta ten posto en marcha no eido da educación, introducindo os valores da igualdade efectiva desde a Educación Primaria; e no eido local, asegurando o mantemento dos servizos de igualdade municipais grazas á Lei de medidas urxentes no ámbito local, que permite aos concellos prestar este servizo.
Sobre este último punto, salientou que na actualidade, os Centros de Información á Muller chegan a 163 concellos e, este ano, verán renovado o seu equipamento grazas a unha partida de 150.000 euros.
Por último, Feijóo aseverou que hai dúas áreas que requiren dunha atención permanente para que o dereito á igualdade entre homes e mulleres sexa plenamente efectivo: a conciliación e a corresponsabilidade. E, ao fío disto, subliñou que, se ben na loita a prol da igualdade aínda queda por diante un longo camiño por percorrer, “os datos avalan que estamos a dar pasos acertados porque: no curso que comezará este ano as escolas infantís públicas ofertarán un 71% máis de prazas que en 2009; as prazas para persoas maiores ou con dependencia en residencias e centros de día aumentaron un 50% desde a pasada lexislatura; o orzamento para subvencionar programas de conciliación nos concellos será este ano un 13% maior do que foi en 2014; e na propia Administración autonómica temos implantado por primeira vez sistemas de flexibilidade horaria e teletraballo”, concluíu.