Isto supón un millón de visitas mais que as rexistradas polo conxunto dos spots turísticos de todas as comunidades autónomas en meses
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu no Parlamento de Galicia para explicar á acción promocional do departamento que dirixe a través do videoclip Noche y de Día de Enrique Iglesias.
A directora de Turismo de Galicia explicou que “a dita iniciativa non é máis que outra das accións incluídas no programa de promoción internacional que se está a desenvolver dende Turismo de Galicia para continuar pola senda de crecemento do turismo internacional”. Neste senso, afirmou que, tal e como se recolle na quinta liña estratéxica do Plan Integral de Turismo, dende a administración autonómica estase a desenvolver unha firme aposta pola internacionalización.
A responsable de Turismo da Xunta de Galicia resaltou que “a finalidade é promocionar o sector turístico galego e chegar a milleiros de turistas potenciais procedentes de todo o mundo polo que o retorno económico superará con creces o investimento realizado”. “Unha acción de promoción de Galicia na que colaborou un artista de recoñecemento mundial”, incidiu a directora de Turismo de Galicia.
Nava Castro destacou que Enrique Iglesias é capaz de lograr unha repercusión mundial nos medios de comunicación e nas redes sociais a nivel internacional grazas aos seus seguidores que cóntanse por millóns e distribúense ao longo e ancho do mundo. “Ademais abarca todas as idades e condicións sociais e económicas e isto é unha baza esencial para que os seus videoclips se convertan en grandes éxitos do panorama mundial”, afirmou.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia resaltou que o videoclip suma nunha soa semana máis dun millón novecentas mil visitas so na plataforma de Vevo. Ademais, soamente as tres publicacións no Facebook do artista previas ao estreo do videoclip con imaxes e referencias a Galicia sumaron máis de dous millóns de visitas, máis de 170 mil usuarios marcaron a opción de “Me Gusta”, produciron máis de 3.000 comentarios e foron compartidos por mais de 10 mil usuarios. En canto ao Twitter, os tres comentarios do artista anunciando o videoclip, que ademais de incluír a gravación contiña referencias ao noso destino, rexistraron case dous mil e medio de retweets e máis de catro mil favoritos. No que se refire a Instagram, se rexistraron comentarios de usuarios de diferentes partes do mundo como Brasil, Estados Unidos ou Alemaña.
Nava Castro comparou estas espectaculares cifras coas acadadas polos spots promocionais das comunidades autónomas. “As visualización dos últimos spots promocionais de todas as comunidades autónomas de España suman un total de 744.741 visualizacións e este videoclip acumula 1.821.904”, sinalou a directora de Turismo de Galicia. “Isto supón que so este vídeo conseguiu un millón de visitas mais en menos dunha semana que o conxunto dos spots turísticos de todas as comunidades autónomas en meses polo que Galicia estase promocionando a nivel internacional e dándose a coñecer a un público que ata o de agora era inalcanzable.”, afirmou Nava Castro.
Datos históricos de turismo internacional
Durante a súa intervención, Nava Castro destacou que a política levada a cabo para dar a coñecer Galicia en países estranxeiros constituíu uns dos piares fundamentais para que o mercado internacional presentara o pasado ano un incremento de preto do 11% no volume das súas pernoitas e de máis do 16% no volume dos seus viaxeiros.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que con esta mellora acadouse un máximo histórico, superando por vez primeira en Galicia a barreira do millón de viaxeiros e acadando case 1,8 millóns de pernoitas.
Así mesmo, resaltou que o gasto total do turismo internacional no pasado ano ascendeu ata os 895 millóns de euros, un 19,5% máis que no ano anterior.
“Estes son datos históricos para Galicia”, afirmou Nava Castro. A directora de Turismo de Galicia incidiu en que os datos do turismo internacional avalan as novas políticas turísticas levadas a cabo pola Xunta de Galicia confirmando que as accións internacionais desenvolvidas están a reverter positivamente no sector turístico galego. “A nosa estratexia de internacionalización está a fortalecer a marca Galicia, a posicionar o noso destino no exterior e a atraer a diferentes segmentos de mercado”, afirmou.
“Investimos para dar a coñecer Galicia o que reverterá na economía, no emprego e na facturación do sector e continuará coa senda do incremento dos peregrinos, do turismo nacional, do internacional, do seu gasto e de todos os indicadores que nos mostran que o turismo en Galicia está nunha tendencia positiva”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.