O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi designado como poñente para este ditame na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT)
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na capital comunitaria na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité das Rexións (CdR). A axenda do encontro estivo marcada por un debate sobre o futuro do sector lácteo e acuícola na UE.
A comunidade galega liderará un ditame sobre o futuro da acuicultura europea. Neste encontro da comisión NAT o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi designado como poñente deste ditame que se prevé aprobar finalmente na sesión plenaria do CdR do vindeiro mes de outubro, despois dun logo traballo con representantes da Comisión e do Parlamento Europeo.
O principal obxectivo do ditame é identificar os obstáculos que dificultan o bo desenvolvemento da acuicultura europea e recomendar posibles solucións. Unha das principais prioridades da Política Pesqueira Común (PPC) é a acuicultura, e, dentro dela, a de reducir as cargas administrativas. Nesta liña, o ditame pretende facilitar os procesos administrativos actuais e analizar outras áreas de gran importancia para o futuro da acuicultura como son a competitividade e a sustentabilidade do sector.
En ditames anteriores o CdR apoiou o desenvolvemento do sector acuícola como industria de relevancia estratéxica para a UE xa que o seu bo desenvolvemento crea postos de traballo e permite achegarse ós obxectivos de cohesión territorial, desenvolvemento rural e crecemento económico. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, salientou que “non me parece froito da casualidade que Galicia fose designada para definir a sensibilidade das rexións europeas sobre unha cuestión de importancia como a acuicultura. Para min, en concreto, é unha gran honra e unha gran responsabilidade”.
A comisión NAT do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC) e desenvolvemento rural, a pesca, o turismo, a política marítima ou a silvicultura.