― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu esta semana á alcaldesa Margarita Lamela, á que lle trasladou que esta conmemoración suporá unha oportunidade para atraer a turistas e a peregrinos que realizan o Camiño de Fisterra-Muxía no segundo ano do Xacobeo 21-22
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta semana coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, para coñecer a programación do concello desde maio de 2022 a maio de 2023 coa que conmemorar o Ano Xubilar da parroquia ceense de Santa María da Xunqueira. Alfonso Rueda trasladou á rexedora o apoio da Xunta a esta iniciatia, ao supoñer tamén unha oportunidade para atraer a turistas e peregrinos a Galicia no segundo ano do Xacobeo 21-22. Ao encontro tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e representantes do concello.
O Ano Xubilar Mariano de Cee, concedido polo Papa para render culto á Virxe María, comezará o vindeiro 1 de maio de 2022 coa apertura da Porta Santa e rematará o 1 de maio de 2023 coa coroación canónica da Virxe da Xunqueira polo bispo de Santiago. A Xunta colaborará nos actos que se leven a cabo neste período para divulgar o patrimonio histórico-artístico deste santuario mariano. Ao estenderse ata o primeiro trimestre de 2023, o Goberno galego celebra que este acontecemento axudará a captar turistas e peregrinos tanto en 2022, coincidindo co Xacobeo 21-22, como nos meses seguintes.
A Xunta considera que o evento axudará a poñer a Cee no mapa do turismo relixioso e a fomentar o Camiño de Fisterra-Muxía, que no que vai de ano realizaron máis de 800 peregrinos. Nesta liña, o investimento da Xunta nesta ruta xacobea ao seu paso polo concello de Cee supera os 391.000 euros en actuacións para a conservación, o acondicionamento e a mellora da sinalización. Ademais, o municipio foi beneficiario dunha axuda de máis de 13.500 euros na convocatoria deste ano para levar a cabo melloras paisaxísticas e medidas de embelecemento de bens e recursos do Camiño de Santiago.
O Goberno galego tamén apoia ao concello ceense con máis de 14.600 euros para mellorar as súas infraestruturas turísticas, no marco da liña de axudas de 3,5 millóns de euros destinados este ano aos municipios de ata 10.000 habitantes e que poidan ofrecer a súa mellor imaxe aos visitantes.