Saturday 16 de November de 2024

Inicio da terceira edición do Ciclo Victoriano García Martí


Na tarde deste 3 de decembro deu comezo o 3.° Ciclo Victoriano García Martí, co cal se rende unha homenaxe a un dos referentes literarios da Pobra do Caramiñal que, ademais, é fillo predilecto da localidade. Con esta finalidade, artellouse unha programación diversa que foi inaugurada no Auditorio do Museo Valle-Inclán co coloquio A xeración de Victoriano García Martí no Barbanza, ofrecida por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría para, deseguido, dar paso á presentación da lámina dedicada a García Martí da man do seu propio autor, Manuel Teira Luaces. Ámbolos dous foron introducidos primeiramente pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e Xesús Laíño, colaborador na elaboración da programación.

O ciclo clausurarase no día de mañá, 4 de decembro, coa ruada por distintos lugares da vila a cargo do grupo de baile e música tradicional Xiada, dende as 18.30 horas, para proceder, ás 19.00 horas, coa ofrenda floral ante o busto do escritor na praza García Martí e, posteriormente, desprazarse ata o Auditorio do Museo Valle-Inclán, onde Antonio González Millán impartirá a conferencia As obras completas de Rosalía de Castro nas cartas de Victoriano García Martí, ás 19.30 horas, e efectuarase a presentación da edición facsimilar La tragedia del caballero de Santiago (1925) con Xesús Laíño Briones-Arén, ás 20.00 horas.

Trátase dun conxunto de actividades coas cales contribuír á divulgación e visibilización da obra e figura de García Martí entre a veciñanza, reivindica-lo seu legado e outorgarlle o espazo que merece no panorama cultural galego e, nomeadamente, no da Pobra. Organiza a Concellaría da Cultura xunto co Museo Valle-Inclán, coa colaboración da Deputación da Coruña e da asociación cultural Barbantia.