Friday 22 de November de 2024

O Nadal pobrense inaugúrase nesta ponte festiva


O Concello da Pobra do Caramiñal configura varias propostas coas cales lle da-la benvida ao Nadal na localidade, segundo anunciaron a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Sara Sánchez.

Así, no 4 de decembro efectuarase o acendemento da árbore do Nadal na praza Alcalde Segundo Durán, ás 19.30 horas, para que, deseguido, na praza do Emigrante, teña lugar a inauguración do belén municipal coa posterior chocolatada.

Ademais, no día 8 procederase coa apertura do mercado do Nadal, situado no Cantón da Leña, que estará aberto durante as fins de semana (venres, sábado e domingo) ata o día 2 de xaneiro, inclusive, en horario de mañá e de tarde, agás nos venres que será unicamente pola tarde. Componse de sete postos do comercio de proximidade dedicados á gastronomía, artesanía, artigos de agasallo e téxtil. Na xornada de inicio disporase un showcooking da man de Xaime Chouza, de 18.30 a 20.00 horas, con galletas de xenxibre e un chocolate. Esta particular feira tamén contará con actividades de dinamización tales como xogos populares (nos días 11 e 18), un novo showcooking (no día 12), e música e baile a cargo de asociacións culturais (Arrancadeira no 19 de decembro; Eiradela no 26 de decembro; e Xiada no 2 de xaneiro).

Do mesmo xeito, continúa desenvolvéndose a campaña Raña e gaña e, en próximas datas, darase conta de máis actividades para o Nadal.