Friday 22 de November de 2024

A Xunta licita as obras para a mellora do sistema de saneamento dos núcleos de Ver e de Boebre, no concello de Pontedeume, cun investimento de case 958.000€


― Trátase de eliminar os vertidos procedentes destes núcleos, para o que se construirá unha nova estación de bombeo en Ver e unha nova rede de colectores e impulsión, e tamén unha nova estación depuradora en Boebre

― A Xunta financia integramente as actuacións e contratará e executará as obras, que contan cun prazo de execución de seis meses

― O Concello pola súa banda, comprometeuse á posta a disposición dos terreos, a tramitar as autorizacións para as obras e a asumir as actuacións realizadas

― As empresas interesadas na execución dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de decembro

― Esta actuación súmase ás obras da Xunta para a mellora do saneamento entorno ao esteiro do Eume, nos concellos de Cabanas e de Pontedeume, en distintas fases cun investimento global de 8,6 M€

― O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades municipais dun xeito eficiente

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, informou está mañá, durante a visita ao Concello de Pontedeume, que a Xunta publicou na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de mellora do sistema de saneamento municipal nos núcleos de Ver e de Boebre, cun investimento autonómico de 958.000 euros. O prazo para a presentación das ofertas estará aberto ata o 30 decembro e o prazo para a execución das obras é de seis meses.

Estas obras executaranse cunha colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Pontedeume e permitirán construír unha nova estación de bombeo en Ver e unha nova rede de colectores e impulsión, así como a construción dunha nova depuradora de augas residuais no núcleo de Boebre.

A administración hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas á eliminación dos vertidos incontrolados ao medio procedentes dos núcleos de Ver e de Boebre. Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, mediante esta colaboración, o Concello de Pontedeume asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios. Tamén asume a obriga de conseguir as autorizacións necesarias para a execución dos traballos, de recibir as obras, así como o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As obras estarán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Antecedentes e obxecto do proxecto
Actualmente, as augas residuais xeradas na aglomeración de Ver desembocan directamente na praia de Ver mediante unha condución de vertido ao mar, en condicións deficientes e sen ningún tipo de tratamento previo. Así mesmo, a aglomeración de Boebre dispón dun sistema de saneamento que dirixe as súas augas cara a unha fosa de formigón, situada próxima á zona de Punta Camoucedo, cuxo obxectivo é realizar un tratamento primario ás augas residuais antes do seu vertido ao mar.

Para resolver esta situación, as intervencións obxecto da colaboración autorizada hoxe polo Executivo autonómico céntrase en dotar dunha solución de depuración ás augas residuais xeradas nas aglomeracións de Ver e Boebre acorde á normativa vixente.

A solución adoptada para a aglomeración de Ver trata de incorporar este núcleo de poboación ao sistema de saneamento da depuradora de Pontedeume. Así, o proxecto redactado pola entidade hidráulica da Xunta inclúe a implantación dun pozo de bombeo que impulse as augas residuais xeradas cara a estación depuradora de augas residuais de Pontedeume. Para iso estas augas serán rebombeadas nos pozos de bombeo de Vizús e de Centroña, polo que se renovarán estes bombeos, para que se adapten á xestión dos novos caudais xerados na rede.

No núcleo de Boebre está prevista a execución dunha estación depuradora de augas residuais cunha capacidade de 50 habitantes equivalentes. As obras proxectan na situación da fosa séptica existente a implantación dun sistema de tratamento in situ consistente nun pretratamento e un tratamento primario e un tratamento secundario de leitos bacterianos. O vertido ao medio realizarase mediante un pozo filtrante.

Con estas actuacións da Xunta prevese dar servizo a unha poboación máxima na época estival de 1.967 habitantes equivalente no ano horizonte 2042.

Esta actuación vense sumar ás obras de mellora do saneamento entorno ao esteiro do Eume, nos concellos de Cabanas e de Pontedeume, que desenvolve a Xunta en distintas fases cun investimento global de arredor de 8,6 M€.
O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento da súa competencia e para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.