O Concello tamén acenderá a iluminación do Nadal o venres 10 e anima á veciñanza a participar no concurso “Engalana o teu concello”
Esta semana arrancou en San Sadurniño a campaña municipal de apoio ao tecido comercial “No Nadal, consumo local” coa que se pretenden incentivar as compras dentro do concello recompensando a fidelidade da clientela aos establecementos que ten máis próximos. Á iniciativa sumáronse un total de 24 pequenos negocios de todo o territorio -tendas, ultramarinos, servizos, hostalaría…- que desde onte están entregando con cada compra as papeletas valedeiras para entrar no sorteo público de varias cestas de produtos. A campaña supón o comezo da programación do Nadal, complementada ademais con distintas actividades culturais e o concurso de decoración “Engalana o teu concello” ao que o consistorio tamén se sumará coa iluminación festiva e adobiando espazos en todas as parroquias.
Os locais adheridos á campaña de promoción do comercio local entregarán papeletas para entrar no sorteo ata o próximo 22 de decembro. O sistema é o mesmo que o ano pasado: con cada compra recibiremos unha papeleta na que deberemos anotar os nosos datos de contacto e despois deixala no establecemento -nunha urna ou entregándolla a quen nos atenda- para a rifa pública que terá lugar na Casa do Concello na mañá do 28.
Non fará falla estar presente, xa que o Concello contactará directamente coas persoas premiadas -ademais de dar conta do resultado do sorteo a través da web e das redes sociais- e entregará os premios ao día seguinte.
O que si cambia con respecto ao 2020 son o número de premios e a maneira de optar a eles. E é que nos negocios se están entregando dúas papeletas con cores distintas, unha para as compras inferiores a 10 euros e outra para as que superen esa cantidade. Cada compra, unha tarxeta para cubrir -non se poden dar varias papeletas nunha mesma transacción-, de maneira que cantas máis compras fagamos en San Sadurniño, aínda que sexa en días sucesivos no mesmo establecemento ou outros, máis posibilidades de ganar.
Entre as compras de menor importe sortearanse tres cestas valoradas cada unha en 65 euros, mentres que os boletos das compras maiores poderán ganar outras tres cestas cargadas de produtos de proximidade cun valor individual de 135 euros.
En “No Nadal, consumo local” participan 24 negocios de practicamente todo o territorio de San Sadurniño. Son, por orde de inscrición, os seguintes: Floristería La Feria, Libraría Brétema, Clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, Pescadería Mariña, Supermercado Outeiro, tenda veterinaria +Kotas, Bar O Campo, Peluquería Juan, Peluquería Santos, Clínica de fisioterapia Penamoura, os supermercados da Cooperativa de Meirás en San Sadurniño e Naraío, a Clínica dental Iria García, a Parrillada María Queira, o Restaurante-Mesón Os Cazadores, o centro de logopedia Alba Gil, Supermercado-bar-estanco Calvo, Ferretería Lamas, Clínica de fisioterapia Sansastur, Peluquería Lucía, Taxi Antonio Fraga, a Mercería Triscos e Fíos, a Clínica podolóxica En Pé e o Bar Santos.
Iluminación do Nadal a partir do 10
O Concello de San Sadurniño volverá iluminar distintos espazos públicos para ambientar as festas. Na noite do venres 10 de decembro prenderanse luces no torreón da casa consistorial, na rotonda do Outeiro, na praza do antigo Concello, diante da Casa da Cultura e na oliveira plantada no aparcadoiro do cemiterio.
Ata aquí, igual que nos últimos anos, salvo pequenas variacións. Porén, Cultura ampliará a decoración a outros puntos do municipio: as árbores de Marqués de Figueroa levarán pequenos carteis sobre o significado destas datas -en colaboración con Triscos e Fíos-, no Campo da Feira colocarase un grande agasallo -con axuda neste caso de Floristería La Feria- e, ademais, está en marcha unha iniciativa veciñal para recuperar e montar no patio da Casa do Concello o grande nacemento promovido hai máis de 40 anos polo crego Ramón Díaz Raña.
Cultura tamén conta coas figuras cedidas por Carlos García -o boneco de neve e algunha outra sorpresa que está preparando o artista afincado en San Sadurniño- e, este ano, o Apalpador de madeira deseñado por Paula Aneiros botará todo o Nadal colocado no palco da música de Ferreira, que fará as veces de epicentro dunha aldea cuxos elementos se distribuirán por outros lugares do territorio: o palco de Lamas, o cobertizo do local social de Bardaos, o local social da Golpilleira, en Santa Mariña, e a zona verde da Torre, en Igrexafeita, onde se disporán animais e outras cousas relacionadas co carboeiro do Courel. En Naraío o Concello optou por iluminar o Castelo.
Certame “Engalana o teu concello”
A idea de repartir o decorado do Nadal polo territorio tenta tirar pola participación das asociacións e colectivos do municipio animándoas a que contribúan ao enlucido dos distintos espazos públicos que, ademais, se corresponde cun dos apartados do certame “Engalana o teu concello”.
O concurso propón decorar lugares ao aire libre e, sobre todo, casas e negocios. Valorará e premiará aquelas montaxes máis creativas e orixinais feitas con calquera material que luza vistoso: cintas, obxectos que haxa pola casa ou de reciclaxe, etc. Todo queda á imaxinación e só se pon como condición que o resultado sexa visible desde a vía pública e que non se utilicen unicamente luces.
Participar é moi sinxelo. Despois de decorar a casa ou o negocio haberá que sacarlle como máximo 3 fotos -unha delas xeral desde a vía pública- e envialas por whatsapp antes do 20 de decembro ao 616 332 919 -ou a agustin.perez@sansadurnino.gal- xunto cos datos de contacto e a categoría na que se quere participar. Hai tres apartados: individual (decoración de vivendas), colectiva (engalanamento de espazos públicos) e establecementos, este último subdividido á súa vez nas seccións de escaparates e exterior. Só se poderá participar nunha categoría.
O xurado dará a coñecer os premios o día 30 de decembro, que se entregarán o 8 de xaneiro ás 12:00h na Casa da Cultura. Os premios son os seguintes: na categoría individual, 15 vales de 50€ cada un para consumir na hostalaría ou gastar no comercio local; no apartado colectivo, 5 vales para xantares ou ceas para 5 persoas por vale; e na categoría de establecementos, unha cesta de produto galego para o mellor escaparate e outra para a mellor decoración exterior.