As actividades da axenda cultural comezarán o domingo 5 de decembro coa inauguración do Belén do municipio na igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira.
‘A Banda da Loba’, ‘ The Duellist’ e o ‘Trío Contrastes’ serán protagonistas dos concertos de Nadal.
O venres 24 Papá Noel achegarase a partir das 18:00 horas ao pavillón municipal para escoitar os desexos dos máis pequenos e pequenas.
A música, o teatro e as exposicións serán protagonistas da programación cultural do Concello para decembro. Neste mes tan especial os nenos e nenas do municipio tamén recibirán a agardada visita de Papá Noel.
O domingo 5 de decembro ás 12:00 horas na igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira arrincará a programación coa inauguración do Belén, que poderá visitarse a partir do 6 de decembro. Esta actividade está organizada pola Unidade Pastoral.
Continuarán as propostas culturais o venres 10 ás 19:30 horas no Teatro da Beneficencia, que acollerá a presentación do libro bibliográfico ‘Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística’ de Iria- Friné Rivera.
O sábado 11 ás 19:30 horas o Teatro será o escenario da obra ‘ Pinocchio’ dirixida a público infantil e familiar. O espectáculo corre a cargo da compañía Ghazafelhos e Rigoletto Teatro e a entrada custará 3,5 euros. A través do show os espectadores e espectadoras coñecerán a historia de Pinocchio, un monicreque universal que nos encherá de risa e emoción.
O sábado 18, o Concello homenaxeará a Álvaro Cunqueiro polo 40 aniversario do seu falecemento. Os actos darán comezo ás 12 horas no Salón de Plenos do Consistorio coa conferencia de Ramón Loureiro, e continuarán ás 13:00 horas na Praza Tres Farois co descubrimento da placa do edificio onde residiu este recoñecido personaxe. Organiza os actos a Asociación Terras do Ortegal.
O mesmo día, ás 19:30 horas, ‘A Banda da Loba’ actuará no Teatro da Beneficencia. Esta agrupación destaca polo seu repertorio propio e as musicalizaciones de poetas soados ou outros textos tomados de escritoras contemporáneas. A entrada terá un custo de 3,5 euros.
O domingo 19 ás 19:30 horas a igrexa parroquial acollerá o concerto de ‘ The Duellist’, de entrada gratuíta. Unha interpretación instrumental de violín, violoncelo e música clásica incluíndo pezas de distintos compositores.
O martes 21 ás 19:30 horas o templo será tamén escenario do concerto da Escola de Música de Ortigueira, tamén con entrada gratuíta, que ofrecerá o tradicional espectáculo de Nadal cos grupos de acordeón, o grupo tradicional e o conxunto vocal e combo.
O xoves 23 ás 11:00 horas a biblioteca municipal acollerá a animación ‘ Contos e contos para ou tempo de Nadal’ de Xandobela. Trátase dunha proposta musical de animación que persegue difundir o patrimonio cultural inmaterial relacionado coa tradición de Nadal galego. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente.
O venres 24 chegará ao pavillón municipal a esperada visita de Papá Noel a Ortigueira para escoitar os desexos dos nenos e nenas nunha noite tan especial. O domingo 26 ás 19:30 horas a igrexa parroquial contará coa actuación do ‘Trío Contrastes’, de entrada gratuíta, cun programa que abarca desde o barroco ata o romanticismo.
Obradoiros na biblioteca municipal
A biblioteca municipal tamén contará cunha programación espeical atendendo a estas datas tan sinaladas. Así pois, o martes 14 acollerá a partir das 16:30 horas un obradoiro de adornos de Nadal con Gabi Villasuso dirixido a público adulto. O xoves 16 á mesma hora realizarase o mesmo taller pero para o alumnado de educación infantil e de educación primaria.
A Escola de Música ofrecerá concertos en liña
Do 24 de decembro ao 1 de xaneiro, a Escola de Música do Concello de Ortigueira ofrecerá ás 20:00 horas unha programación de Nadal a través da súa canle de Youtube.
Exposicións
O Concello tamén ofrecerá catro exposicións que poderán ser visitadas ao longo do mes de decembro. Por unha banda, as persoas interesadas contarán coa exhibición ‘Julio Dávila. 150 aniversario’ durante todo o mes en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas, sala de exposicións do Consistorio.
Desde o 1 ao 23 tamén se poderá visitar a exposición fotográfica “15 visións” no Claustro do Concello. Estará aberta de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas. Do 13 ao 24 a bibliteca municipal acollerá a mostra ‘Álvaro Cunqueiro en Ortigueira’. Por último, do 17 de decembro ao 24 de xaneiro o antigo escolar de San Claudio contará con ‘Luces de Alén de Mar: As Escolas de Americanos en Galicia”. O horario para visitala será os sábados de 17:00 a 20:00 horas e os domingos de 17:00 a 20:00 horas.