O departamento de Cultura do Concello de Fene avanzou hoxe mesmo o contido da súa programación de Nadal, que comezará o venres 17 de decembro e se prolongará até a véspera de reis coa tradicional cabalgata e recepción ás Súas Maxestades de Oriente. Polo medio haberá varias actividades para todas as idades orientadas na súa maioría a público familiar. Citas que se desenvolverán seguindo os protocolos preventivos da COVID-19 e atendendo á situación sanitaria que haxa en cada momento.
O primeiro evento do programa é o concerto de Nadal que terá lugar na igrexa de Limodre o venres 17 de decembro ás 20:00h, co recital “Bo lyric Nadal” da agrupación Vento Dolce. Gemma Román -voz- e Andreina Muñoz -piano- repasarán un repertorio repleto de clásicos desde o Barroco até a actualidade que nos brindará un percorrido polos sons máis recoñecibles do Nadal de dentro e fóra de Galicia. Para asistir ao recital de Vento Dolce non fai falla reserva previa, pero cómpre ter en conta que o aforo na igrexa é limitado.
A seguinte cita das festas está prevista para o martes 21 de decembro ás 18:00h na Biblioteca Municipal “Xosemaría Pérez Parallé”. O grupo de música infantil Mamá Cabra traeranos o seu espectáculo “Arrolos”, dirixido a familias con nenas e nenos de entre 0 e 3 anos. A proposta -na que participan os feneses Gloria Mosquera e Diego Maceiras- concíbese como un encontro participativo para gozar das melodías e aprender algúns arrolos cos que adormecer ou aleitar as meniñas e meniños, fomentando ao mesmo tempo o seu descubrimento da música. As reservas poden facerse presencialmente ou por teléfono -981 342 302- desde o luns 13 ata o luns 20 de decembro.
A actividade na biblioteca pública continuará ao día seguinte, o mércores 22 de decembro ás 12:00h., coa narración oral “Orella Pendella” da compañía Migallas Teatro. O espectáculo para a rapazada abrangue idades desde os poucos meses até os 6 anos, aínda que tamén lles arriquecerá ás mamás e papás. Nel xúntanse os ditos de sempre -recollidos neste interesante proxecto colaborativo- con cancións tradicionais acompañadas de música ao vivo, enfiados en todo caso pola promoción da lingua e da cultura galegas. Igual que o día anterior, tamén fará falla reservar desde o 13 até o 21 de decembro.
Tralas datas centrais do Nadal -o 24 e o 25 de decembro- o Concello retomará o programa cultural co Tributo Hard Rock da banda Exit. Será o xoves 30 de decembro a partir das 20:00h na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Os temas máis coñecidos de David Bowie, Kiss, AC/DC, The Rolling Stones, The Ramones, Led Zeppelin, Jimmy Hendrix e outros resoarán na praza do Concello grazas a esta formación que leva versioneando desde 2008 os clásicos modernos do rock e do heavy metal. Exit intégrana Ton Eirín como voz principal, guitarra e harmónica; JC Nogueira á guitarra; Marcos Pazo á batería e Javi Vaamonde ao baixo e voces. A entrada no concerto é gratuíta e sen necesidade de reserva ata completar a capacidade permitida da carpa que se instalará na praza.
Os Reis Magos percorrerán o centro urbano na tarde do 5 de xaneiro
O día máis agardado pola rapazada é a véspera de Reis, cando as SS.MM. multiplican a súa presenza en todo o mundo para atender as peticións de última hora e deixar tras de si un ronsel de ilusión.
Melchor, Gaspar e Baltasar iniciarán o seu percorrido por Fene a iso das 17:30h en Perlío -fronte a Aguilar- e despois continuarán por Marqués de Figueroa e Naturais de Fene antes de chegar á Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Por razóns preventivas este ano tampouco poderán participar na comitiva paxes voluntarios e, ademais, deberá gardarse a distancia interpersoal na recepción real que terá lugar na praza.
Tanto a cativería como o resto da familia deben saber que do 17 de decembro ao 6 de xaneiro haberá instalada unha caixa do correo real na entrada da Casa do Concello para poder botar nela as cartas co listado de xoguetes e bos desexos.
Durante todo decembro, exposición “Catro médicos por Fene”
Canda toda esta programación específica do Nadal, Cultura tamén recorda que durante todo o mes de decembro permanecerá aberta na sala de exposicións da Casa da Cultura a mostra pictórica colectiva “Catro médicos por Fene”, con obras de Pablo Galego, Tino Cuesta, Leopoldo García e Xesús Vázquez. Os catro autores son profesionais da medicina que emprenderon este proxecto conxunto en 2014 e, desde aquela, levan percorrido boa parte de Galicia exhibindo estilos persoais e diferentes entre si que comparten unicamente a técnica do óleo e o acrílico sobre lenzo.
A de Fene será a vixésima ocasión en que reúnen a súa obra nun mesmo espazo. Poderemos visitala ata o 30 de decembro nos seguintes horarios: de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00h, e os sábados de 10:00 a 13:00h. Do 22 de decembro en diante -incluído- o horario será de 10:00 a 14:15h.de luns a venres.