Thursday 21 de November de 2024

A Xunta solicita ao Goberno Central que manteña o seu compromiso coas áreas de rehabilitación integral, umha figura imprescindible para Galicia


— Ángeles Vázquez subliña que Galicia, con 76 ARI municipais e tres supramunicipais, é a Comunidade que máis apostou por este programa de rehabilitación, que nos últimos 25 anos permitiu mobilizar 185 M€ e recuperar un total de 18.500 vivendas

— Os 10,2 M€ dispoñibles para este ano repartiranse entre 40 ARI de 22 municipios e tras a sinatura dos acordos, cada concello poderá convocar axudas de ata 24.000 € dirixidas a propietarios de vivendas e edificios emprazados nalgunha destas áreas

A Xunta de Galicia, o Goberno central e os 22 concellos que participan este ano no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para actuar nas áreas de rehabilitación integral (ARI) galegas asinaron esta tarde na Cidade da Cultura os correspondentes convenios de financiamento nos que se concreta a contía asignada en cada caso.

Durante o acto, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou a importancia das ARI para Galicia, unha figura clave e imprescindible na aposta da Xunta pola rehabilitación do patrimonio construído. Por iso, aproveitou a presenza da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, para pedirlle que, ao igual que o Goberno galego, manteña o seu compromiso con esta ferramenta garantindo o financiamento necesario para seguir actuando nestas zonas.

“Gustaríanos que nese seguinte Plan de vivenda que estamos negociando Comunidades e Ministerio as áreas de rehabilitación integral sigan sendo unha figura imprescindible ata o ano 2025”, subliñou a conselleira, quen tamén puxo en valor a oportunidade que supoñen para as ARI os fondos europeos destinados á vivenda.

A Comunidade con máis ARI
Cun total de 76 ARI municipais declaradas e outras tres de carácter supramunicipal, xestionadas pola Xunta —ARI dos Camiños de Santiago, ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas e ARI Ribeira Sacra—, Galicia é a Comunidade española que apostou de forma máis decidida por este programa de rehabilitación, concibido para lograr unha revitalización integral de zonas que perderon dinamismo.

De feito, Ángeles Vázquez subliñou que desde a declaración da primeira destas áreas en Galicia, no ano 1996, mobilizáronse grazas a elas un total de 185 millóns de euros, permitindo a recuperación de ao redor de 18.500 vivendas. A estas grandes cifras contribuíron de forma esencial tamén as oficinas de rehabilitación municipais, onde traballan xa máis de 120 persoas, como lembrou a conselleira.

Neste sentido, amosouse satisfeita cos resultados logrados en Galicia en materia de rehabilitación a través das 76 ARI existentes a día de hoxe e avogou por seguir apostando por unha ferramenta que ten demostrado o seu bo funcionamento ao longo dos últimos anos.

Axudas a particulares e tamén para os concellos
Á contía mobilizada xa en Galicia desde a posta en marcha do programa súmanse agora os 10,2 millóns de euros que achegarán a Xunta e o Goberno central en virtude dos convenios asinados hoxe e co fin de financiar actuacións en 40 ARI galegas.

En concreto, dos 22 municipios beneficiados nesta última convocatoria, seis pertencen á provincia da Coruña —Ferrol, Mugardos, Corcubión, Noia, Rianxo e Santiago de Compostela—; nove á de Lugo —Castro de Rei, Chantada, Guitiriz, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribadeo e Sober—; tres son de Ourense —Castro Caldelas, Ourense e Ribadavia—; e catro de Pontevedra —Caldas de Reis, Pontevedra, Tui e Vigo—.

Unha vez asinados os convenios específicos con cada un dos concellos, serán agora as propias Administracións locais as que procedan a convocar as axudas, ás que poderán optar os propietarios de vivendas e edificios a rehabilitar con fins residenciais dentro de cada ARI. O importe máximo destas subvencións, que se poderán executar ata o ano 2025, é de 24.000 euros por vivenda.

Ademais, os concellos recibirán tamén axudas para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da Área de rehabilitación integral, cun importe de ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada; así como financiamento para sufragar os custos da oficina municipal de rehabilitación.