Friday 22 de November de 2024

O recoñecemento do marisqueo a pé como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO poñerá en valor o traballo da muller na ría de Muros-Noia e en Chile


A presidenta da Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal de Chile foi recibida esta mañá polo alcalde de Noia

“Que a recolección de beira e o marisqueo a pé sexan recoñecidas como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO supoñería un recoñecemento do traballo da muller, un patrimonio que se pasa de xeración a xeración e que queremos que perdure, pois é unha forma de vida”. Son palabras da presidenta da Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal (Chile), Sara Garrido, durante a recepción oficial celebrada esta mañá no Concello de Noia.

Pola súa banda, o alcalde noiés, Santiago Freire, agradeceu “o traballo tanto de Sara Garrido como de Néstor Lloyd para dar os pasos necesarios para preparar unha candidatura seria, con rigor. Porque este proxecto merece ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO”. Sara Garrido estivo acompañada neste encontro por Néstor Lloyd, consultor que xestiona a candidatura en Chile; Roberto Sueiro, un dos consultores que xestiona a candidatura en Galicia; e Manuela Oviedo, xerente do GALP Sé de Fisterra Ría de Muros e Noia.

As comunidades de “ recolectoras de beira” son o equivalente en Chile ao marisqueo a pé galego, aínda que tamén traballan con algas e outras especies. Os seus integrantes son esencialmente mulleres, o cal casa coa proposta inicial da Ría de Muros-Noia, onde a importancia da muller tamén é esencial no sector marisqueiro. Unhas comunidades de mulleres que están emprazadas nas illas de Chiloé e Tenglo e que, segundo Néstor Lloyd, “con esta candidatura á UNESCO senten valoradas porque isto devólvelles parte do que sempre lles pertenceu: sentirse ben co que fan”.

O alcalde de Noia entregoulles a Sara Garrido e Néstor Lloyd unha reprodución dunhas laudas mariñeiras. Un acto ao que asistiron os concelleiros de Economía, Laura Salgado; Medio Ambiente, Martín Fernández; e Protección Civil, Ana García.

Agradecemento

Durante a mañá, a expedición chilena tivo unha dobre cita na ría de Noia: primeiro coas mariscadoras a pé e despois cunha visita en barco aos bancos marisqueiros. Sara Garrido asegurou que “me levo moito traballo e coñecemento. Hai similitudes entre Galicia e Chile en canto a instrumentos e técnicas, pero tamén diferenzas, sobre todo a nivel de Seguridade Social, de formación e capacitación das mulleres”.

A primeira das visitas da mañá non estaba inicialmente prevista, pero foi acordada durante a reunión de onte martes en Muros entre a delegación chilena e representantes das asociacións de mariscadoras de Muros e Noia, encabezadas polas súas presidentas Adela Lestón e Marisol Amado, respectivamente. Marisol Amado explicou que a candidatura a Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO “é poñer en valor o produto, poñer en valor o noso traballo, continuar con esa loita para conseguir.. e xa non é pouco”.

Un encontro no que tamén participou a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, quen destacou que a candidatura “se trata dun proxecto moi ambicioso e serve para ver o valor que ten o que ti feixes, que é algo que se fai en máis sitios do mundo e que é un valor humano. Creo que vai na liña da sustentabilidade, a economía circular… É dicirlle ao mundo que hai unha forma de vivir dos recursos naturais, de vivir ben e conservar o teu patrimonio natural e cultural, recoñecer que esas artes, esas formas de falar… che empodera e dános valor”.

Ademais coincidiron en destacar o aspecto humano do marisqueo a pé da ría de Muros Noia e as recolectoras de beira das illas de Chiloé e Tenglo, que estea en mans das mariscadoras e non de industrias, como ocorre noutros países. Neste sentido destacaron que se trata da mellor forma de distribución da riqueza.

Delegación chilena

Sara Garrido é unha dirixente pesqueira chilena que preside a Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal, así como o Sindicato de Traballadoras Artesanais da Caleta de Coliumo e a Asociación Gremial de Mujeres da Pesca do Bío Bío. Leva máis de 20 anos traballando pola reivindicación do traballo feminino no sector pesqueiro e fundou coas súas compañeiras o sindicato de mulleres na pesca artesanal chilena.

Néstor Lloyd Márquez é enxeñeiro pesqueiro de profesión con longa experiencia no sector artesanal. Foi director do Servizo Nacional de Pesca e Acuicultura ( Sernapesca) na rexión de Atacama (2009-2013). Actualmente, colabora coa Confraría de Pescadores de Noia, entidade que participa no desenvolvemento desta candidatura conxunta entre Chile e España para presentar un expediente de Patrimonio Cultural Inmaterial do marisqueo (España) ou recolección de beira (Chile).