Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina 6,4 millóns de euros para impulsar en 2022 actuacións de posta en valor nas sete reservas da biosfera de Galicia


— Esta campaña divulgativa, que visitará as sete cidades galegas, inicia o seu periplo en Lugo por ser a provincia galega que atesoura o maior número de reservas da biosfera, catro de sete

— Ángeles Vázquez recorda que ,coa declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un 35% do territorio galego conta con este recoñecemento internacional

A Xunta destinará ao longo do vindeiro ano 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural das sete reservas da biosfera declaradas en Galicia.

Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a inauguración -que arranca en Lugo- dunha exposición itinerante sobre estes espazos de valor incalculable de Galicia, que suman unha superficie terrestre de máis dunha hectárea. A alcaldes de Lugo, Lara Méndez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén asistiron a este acto.

Indicou que os recursos que se reservan para o 2022 permitan levar a cabo accións e proxectos para desenvolver o potencial das reservas da biosfera, que poñan no punto de mira a nivel mundial as excelencias naturais e paisaxísticas de Galicia. Detallou que un 50% do orzamento (3,2 M€) se destinará a axudas para os 86 concellos -incluídos nunha das sete reservas- e ás entidades sociais, ambientais e montes veciñais nestes municipios.

Tamén se establecerá unha orde de axudas de 1,85 M€ para os xestores das reservas As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, Terras do Miño, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá e a Área de Allariz.

Por último, a Xunta establece 1,3 M€ para promover actuacións nas tres reservas que xestiona directamente (Río Eo, Oscos e Terras de Burón, reserva transfronteiriza do Gerês-Xurés, e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel), co fin de levar a cabo actuacións para a creación de infraestruturas de uso público e, no caso da Ribeira Sacra, un plan de sinalización e visibilidade da última reserva declarada.

O coñecemento, como medida de protección
Con motivo do 50 aniversario da creación do programa Persoa e Biosfera (MAB), a Xunta levará ao centro das sete cidades galegas o valor e a riqueza natural das reservas da biosfera de Galicia. Trátase dunha exposición deseñada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), co que poñer en valor a natureza, cultura, a paisaxe, gastronomía e historias deste espazos, como medida de protección.

Así, con esta exposición itinerante, formada por nove paneis informativos, ponse o foco nos valores que atesouran as reservas (cultura, paisaxes, flora e fauna) e a importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

Vázquez Mejuto indicou que a exposición arranca hoxe en Lugo e permanecerá ata o 6 de decembro, por que “esta provincia atesoura o maior número de reservas de Galicia” -catro de sete- que suman máis de 800.000 hectáreas; tras a recente declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. En Lugo tamén se localiza a reserva do Río Eo, Oscos e Terras de Bourón (a única interautonómica, ao compartila con Asturias), a reserva Terras do Miño (a primeira en declararse en Galicia, no ano 2002) e a reserva Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Ángeles Vázquez defendeu que o patrimonio natural de Galicia é propiedade dos galegos, polo que con esta exposición tamén se quere incidir e trasladar esta pertenza. Así, a campaña -que arranca hoxe en Lugo- visitará a cidade de Ourense desde o 8 ao 11 de decembro, a Vigo chegará o 13 de decembro e saltará a Santiago de Compostela do 18 ao 21 de decembro, en Ferrol poderá visitarse desde o 23 ao 26 de decembro, na Coruña herculina permanecerá a partir do 28 de decembro ata o 2 de xaneiro; e pechará o seu itinerario na cidade de Pontevedra, onde se poderá visitar en xaneiro.