— O Goberno galego sinala que o Executivo central quere asumir atribucións das que carece, como regular a vivenda protexida, a xestión do parque público de titularidade autonómica e alterar os períodos de protección
— Ángeles Vázquez indica que os cambios que recolle a norma estatal sobre a vivenda social en solo residencial afectarán a súa construción e venda; mentres que o establecemento de zonas tensionadas e limitar o alugueiro mensual non incentivará o mercado
— A conselleira reitera a necesidade de reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos propietarios; polo que rexeitou que se admita a ocupación ilegal de vivendas como unha forma de acceso
A Xunta de Galicia alega que a Lei estatal de vivenda é inconstitucional por invadir as competencias autonómicas na materia, xa que tanto a Constitución española (artigo 148.1.3) como o Estatuto de autonomía (artigo 27) recoñecen a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda no caso da Comunidade galega.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia, que se involucrou activamente no contido as alegacións presentadas polo Goberno galega a esta norma.
Nas mesmas sinálase que o Goberno central “busca asumir competencias das que carece, ao querer regular a vivenda protexida, a xestión do parque público de vivenda de titularidade autonómica e alterar os períodos de protección que afectarán a todo o parque público, condicións que se adoptan de xeito unilateral”, lamentou a conselleira.
Cómpre lembrar que a xurisprudencia do Tribunal Constitucional recoñece a obriga do Estado de respectar a competencia autonómica, pero as disposicións do anteproxecto “conculcan claramente esta distribución”, todo isto “sen mencionar o impacto económico que implican as medidas para as comunidades e que non van acompañadas dos fondos necesarios”.
Adiantou que segundo o borrador da norma, obrígase a destinar a vivenda en alugueiro o 50% do solo que figure no plan xeral como de reserva para vivendas protexidas. Esta medida fará inviable a promoción dos inmobles, pois se paralizará a súa construción en solos residenciais. Ao mesmo tempo, estende a cualificación de permanente para as vivendas protexidas promovidas por promotores privados nestes solos residencias, que nunca adquirirán a condición de vivenda libre o que dificulta a súa viabilidade. Segundo a conselleira esta é “outra mostra da invasión de competencias”, pois o Estado “pode establecer a porcentaxe de reserva, pero non o réxime de adxudicación”, aclarou.
Zonas tensionadas
Outra das alegacións fai referencia ao establecemento de zonas tensionadas e a limitación de rendas de alugueiro. Trasladou que a Xunta aposta por medidas positivas, fronte ás restritivas que desincentivan a inclusión de vivendas en alugueiro no mercado.
Destacou que esta non é unha visión individual da Xunta, senón que hai estudos -como o do Banco de España- e a experiencia noutros países – como Francia ou Alemaña- onde as medidas de intervención non están dando os resultados esperados, é dicir, que limitar o alugueiro non tivo éxito; senón todo o contrario: reduciuse o número de pisos en alugueiro e, pola contra, a renda media encareceuse. Nese sentido, apostou por aplicar medidas incentivadoras, no canto de penalizadoras; criterio que tamén é válido para o recargo do IBI para as vivendas baleiras.
Por último, a conselleira reiterou a necesidade de reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos propietarios; polo que rexeitou que se admita a ocupación ilegal de vivendas como unha forma de acceso, tal e como acontece coa modificación da Lei de axuizamento civil que recolle o anteproxecto.
Estas son -a grandes rasgos- “as sete razóns polas que queremos que o Goberno reflexione” e “adapte a norma ás necesidades reais” da sociedade galega, destacou e adiantou que a futura Lei de vivenda estatal dificultará a viabilidade do mercado e provocará a inmobilización da construción, venda e alugueiro.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén aproveitou a reunión para abordar os obxectivos prioritarios para o 2022, “un ano crucial para as políticas de vivenda”, no que se debe “sacar o maior rendemento ao maior orzamento da última década” e aproveitar os fondos europeos, en materia de rehabilitación e eficiencia enerxética.