Diego Calvo asinou esta mañá un convenio de colaboración coa presidenta da entidade, Antonia Pérez, para sufragar parte dos gastos desta actividade
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá as instalacións do Centro Especial de Emprego de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentales) xunto á deputada e tamén concelleira da Coruña, Carmen Hervada, co obxectivo de asinar un novo convenio de colaboración coa representante da entidade, Antonia Pérez. Neste caso, o acordo entre ambas partes supón unha achega económica da Deputación, de preto de 82.000 euros, para sufragar o 80% dos gastos dun obradoiro de artesanía cerámica no que toman parte 20 alumnos e que terá unha duración de oito meses. Ademais, dous dos participantes nas sesións terán un posto de traballo asegurado ao pasar a formar parte do propio centro, segundo transmitiron os organizadores.
Tras a sinatura do acordo, Calvo quixo agradecer o grande traballo que realizan asociacións como APEM, xa que, sen elas, “as administracións andariamos perdidas”. Gabou a dedicación altruísta das familias e o tempo que “deixan” en proxectos que, como o taller de cerámica, buscan dignificar a vida dos enfermos mentais e facilitar a súa inserción laboral. “Que un enfermo mental asuma os seus hábitos de traballo evita recaídas e iso e algo tamén moi importante, xa que libera, en certa medida, a carga que supón a súa atención por parte dos familiares”, matizou Calvo, que engadiu que “achegar unha cantidade económica para a posta en marcha desta actividade non é difícil; o difícil é dar saída á axuda que se ofrece desde aquí”.
A presidenta de APEM, pola súa banda, agradeceu a “colaboración permanente” da Deputación coa entidade e lembrou que a construción do Centro Especial de Emprego foi posible grazas a outra achega de 200.000 euros procedentes da institución provincial. Con respecto ao obradoiro de artesanía, salientou a “grande importancia” que supón para os afectados con algunha enfermidade mental “ter oportunidade de optar a unha formación e ver máis cerca a inserción laboral e social”.
Esta última achega da Deputación da Coruña para a realización do curso, que ten por obxectivo último a inserción laboral de persoas afectadas por enfermidades mentais crónicas, permite financiar dende os gastos de persoal e de seguridade social do titulado superior que exercerá de monitor, así como o material para a acción formativa (arxila, esmaltes e pigmentos, cerámica, espátulas…). Ademais, os fondos tamén poden ir destinados a outros gastos xerais coma o mantemento do xeral, teléfono ou transporte, así como a bolsas de formación para os 20 alumnos.