Friday 22 de November de 2024

O concurso de embelecemento de balcóns e fachadas conta coa participación dunha trintena de fogares pobrenses


A segunda edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, impulsado cara á época do Nadal, conta coa participación de 30 vivendas con representación de tódalas parroquias da Pobra do Caramiñal: Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre.

Organizado pola Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), o dito certame pretende incentiva-la participación da veciñanza na ornamentación dos seus balcóns e fachadas, contribuíndo a incrementa-lo carácter vistoso das rúas nunhas datas tan sinaladas.

O resultado do concurso darase a coñecer no 22 de decembro, se ben a ornamentación deberá permanecer no período comprendido entre o día 6 de decembro e 6 de xaneiro, ámbolos dous incluídos, tal e como se estipula nas bases.

Establécese un premio por cada parroquia, consistente nunha cesta do Nadal valorada en 300 euros e composta de produto local, contribuíndo así á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.