Saturday 16 de November de 2024

O Concello abre mañá o prazo de preinscrición da Escola de Participación, con obradoiros de iniciación á linguaxe de signos e de xestión emocional


Os módulos, de carácter presencial e orientados á formación para entidades, colectivos e cidadanía, impartiranse entre os días 9 e 14 de decembro

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación que encabeza Yoya Neira, lanza este mércores, 1 de decembro, a segunda edición da Escola de Participación, un espazo de formación e aprendizaxe para entidades, colectivos informais e a cidadanía inaugurado o ano pasado.

O prazo de preinscrición para os catro obradoiros ofertados, de carácter presencial e con módulos de entre tres e catro horas de duración, ábrese este mércores e rematará o día 8 de decembro, ás 15.00 horas.

Será o xoves, 9 de decembro, e co Centro Sociocultural Ágora como o núcleo de actividade, cando darán comezo as sesións de traballo. Abrirá camiño o obradoiro de iniciación á linguaxe de signos, unha proposta de sensibilización na que se inclúen pautas de aprendizaxe e a práctica dalgúns signos básicos, como saúdos e presentacións. Haberá dúas sesións (xoves 9, de 16.30 a 20.30 horas; e venres 10, de 10.00 a 14.00 horas), impartidas por persoal técnico da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Hai 15 prazas dispoñibles para cada sesión.

Tamén o día 9, no Ágora, comezarán os talleres de xestión emocional en tempos da Covid-19, obradoiros deseñados para que as persoas usuarias traballen cuestións como os enfados e os medos, así como a xestión da tensión, aprendendo a vivir en contornas incertas. Serán tres módulos independentes (xoves 9, de 11.00 a 14.00 horas; venres 10, de 16.00 a 19.00 horas; e luns 13, de 10.00 a 13.00 horas), impartidos polo psicólogo Aquilino Lousa. Ofértanse 12 prazas por módulo.

Xa o luns, 13 de decembro, a Escola de Participación do Concello da Coruña iniciará os talleres de obtención e uso básico do certificado dixital, módulos de carácter práctico con instrucións útiles para a cidadanía. Haberá dúas sesións (luns 13, de 16.00 a 20.00 horas; e martes 14, de 10.00 a 14.00 horas), impartidas por persoal técnico da consultora de formación Siglo XXI entre a Aula de informática CCM Os Rosales e o local da Federacións de Asociacións Veciñais. Haberá 10 prazas por módulo.

Por último, o martes 14 de decembro, e en sesión única, impartirase un taller de organización de reunións virtuais, no que a cidadanía poderá aprender a convocar e xestionar xuntanzas telemáticas para, por exemplo, asuntos laborais. O módulo, que se levará a cabo de 16.30 a 19.30 horas na Aula de informática CCM Os Rosales tamén co persoal técnico de Siglo XXI, contará con 10 prazas dispoñibles