Friday 22 de November de 2024

Urbanismo amplía o sistema de cita previa incorporando a solicitude telemática para mellorar a fluidez do servizo de atención presencial


O portal Comunícate, xa operativo, facilitará a organización das citas físicas para que a cidadanía poida solucionar dúbidas relacionadas con licenzas ou o estado de expedientes

A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade que encabeza Juan Díaz Villoslada, avanza na disposición de servizos útiles para a cidadanía coa posta en marcha dunha nova ferramenta web, o portal Comunícate, que facilita unha mellor organización e eficiencia da atención presencial en Urbanismo, ampliando as opcións de solicitude de cita previa existentes ata agora.

A web Comunícate, operativa dende o pasado día 26 de novembro e organizada en catro bloques principais, habilita as persoas usuarias para pedir cita física tanto co funcionariado de atención ao público no rexistro de Urbanismo como co persoal técnico da oficina de licenzas, ademais do envío de solicitudes de información a través do correo electrónico.

A opción da presentación de documentación, orientada á exposición de todo tipo de documentos no Rexistro de Urbanismo de forma presencial, habilita citas para todos os días da semana, de 8.00 a 14.00 horas, en dobres quendas de 15 minutos, para información e presentacións xenéricas, así como de 25 minutos para presentar comunicacións previas, declaracións responsables ou licenzas. Atende o persoal de atención ao público no Rexistro de Urbanismo.

Por outra banda, o novo portal web tamén habilita para solicitar información xeral no Rexistro de Urbanismo (consultas sobre o estado de expedientes, certificacións urbanísticas etc.). A través de Comunícate, pode solicitarse cita presencial en Urbanismo os luns, mércores, xoves e venres, de 11.30 a 14.00 horas, en quendas de 15 minutos, citas que son atendidas polo persoal de atención ao público no Rexistro de Urbanismo. Ademais, a web posibilita a opción de formular as consultas por correo electrónico.

A maiores, a nova ferramenta dixital facilita a solicitude de cita con técnicos de licenzas para información xeral de licenzas. A través deste trámite na web, a persoa interesada pode pedir cita presencial co persoal técnico de licenzas co obxectivo de aclarar dúbidas na aplicación do plan ou da normativa urbanística con carácter previo á presentación dunha licenza. Os/as técnicos/as atenderán estas consultas xerais os martes, en horario de 9.00 a 14.00 horas en quendas de 15 minutos, nas dependencias anexas ao Rexistro de Urbanismo. Tamén, a través da páxina web, disponse da opción de realizar a consulta por correo electrónico.

O último e cuarto trámite que se pode executar a través de Comunícate é a solicitude de cita presencial co persoal técnico de licenzas informante dun expediente, que habilitará a cidadá ou o cidadán interesado para aclarar dúbidas antes da resolución do expediente en cuestión. Tras cubrir o formulario na web, citarase a/o usuaria/o por correo electrónico e daráselle cita presencial. Os días de atención técnica física son os luns, mércores e xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

A solicitude de cita previa, un servizo que vai en incremento
O Concello puxo en marcha en maio do 2020 un sistema de cita previa dixital que permite organizar a asistencia persoal en máis de 20 oficinas municipais. No que vai de ano, o número de citas previas solicitadas pola cidadanía da Coruña para trámites administrativos de todo tipo foi de 220.472. En total, desde a súa posta en marcha, tramitáronse 348.179 citas previas.