No eido das infraestruturas fomentarase o acondicionamento de fiestras, cubertas e fachadas con axudas de entre o 25 e o 30%
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello do Plan de aforro enerxético nas vivendas galegas, que mobilizará ao longo deste ano 13,5 millóns a través de distintos programas de actuación para mellorar as infraestruturas cara a construcións máis eficientes, e para fomentar o emprego de fontes de enerxía renovables.
Para acadar estas metas, Feijóo salientou que no eido relativo á mellora das infraestruturas fomentarase tres aspectos: primeiro, o acondicionamento de fiestras, cubertas e fachadas con axudas de entre o 25 e o 30%. E, neste sentido, xunto a unha nova orde de axudas para a rehabilitación de ventás, avanzou que o plan inclúe unha nova edición do Renove de lousa, granito e tella co obxectivo de fomentar a renovación de cubertas.
Como segundo punto, o titular do Goberno galego referiuse á renovación de ascensores, facilitando a renovación total ou parcial de ascensores pertencentes a comunidades de propietarios, con axudas de ata o 50% do custo do proxecto.
Sobre a instalación de caldeiras máis eficientes, Feijóo aseverou que esta iniciativa vai dirixida especificamente ao ámbito rural. O plan, dixo, promoverá a instalación de equipos de xeotermia, solar térmica e aerotermia no rural galego, cuxos beneficiarios, como sucede coas caldeiras de biomasa, poderán solicitar ademais a dedución do 5% na súa declaración da renda, establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación deste tipo de equipos que empregan fontes renovables.
Nesta mesma liña, o presidente da Xunta afirmou que se activará o plan específico para a implantación de equipos de xeotermia, permitindo impulsar instalacións que xeran aforros económicos de ata o 70%. Non en van, e segundo os técnicos do Inega, un equipo de xeotermia diminúe en máis de 700 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasóleo, cifra que se sitúa en torno a uns 12.000 euros para unha comunidade de propietarios.
Logo de precisar que para fomentar esta enerxía, contémplanse axudas do 30% (cun máximo de 50.000 euros), Feijóo referiuse tamén a unha orde específica para a instalación de equipamentos térmicos de solar térmica e aerotermia, con axudas de arredor do 30% (ata un máximo de 20.000 euros).
Feijóo aseverou que co Plan de aforro e eficiencia enerxética en vivendas sumado á orde de axudas para instalacións de caldeiras de biomasa, estase a destinar un total de 16,5 millóns ao aforro enerxético, que permitirá mobilizar 37 millóns e xerar, ademais, un aforro económico global de 8 millóns nos fogares, nas empresas e na administración pública.
“En definitiva, un investimento que permite menos custes enerxéticos para os galegos, máis oportunidades para o sector das enerxías renovables e menos contaminación para o medio ambiente”, concluíu.
Neste mesmo eido, o presidente da Xunta resaltou que hoxe mesmo se activa o novo período de solicitude do tícket eléctrico social, con axudas anuais de 180 euros para as familias con dous o máis fillos e de 300 euros no caso das familias numerosas -e compatible coa Risga-. “E hoxe, tamén, ampliamos 2,6 millóns de euros ás subvencións para a instalación de caldeiras de biomasa”, engadiu.