Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche ofrecerá actividades de lecer para a rapazada e a mocidade durante as vacacións do Nadal


O consistorio manterá aberto o prazo de solicitude do programa Concilia Nadal entre o 9 e o 16 de decembro

 

As pequenas e pequenos de Moeche virán para a casa de vacacións á volta de pouco máis de dúas semanas. As festas do Nadal son quizais as máis especiais para elas e eles, pero tamén supoñen un encaixe de bolillos para moitas familias á procura de encherlles o tempo libre do que van desfrutar, tendo en conta que en moitos casos nais e pais traballan. Por iso, para combinar conciliación familiar e actividades ben entretidas para a cativería, o Concello preparou o programa Concilia Nadal con propostas para a infancia e a mocidade que se desenvolverán no pavillón municipal e tamén no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade. Ofreceranse 30 prazas para as nenas e nenos máis pequenos -de 3 a 12 anos, distribuídos en grupos- e outras 8 para a mocidade de 12 a 18 anos. Todas as actividades desenvolveranse entre o 27 e o 30 de decembro e para anotarse haberá que presentar cuberta no rexistro do Concello ou na Sede Electrónica a ficha dispoñible nesta ligazón. O prazo estará aberto do 9 ao 16 de decembro.

As actividades de conciliación para o Nadal do Concello de Moeche estrutúranse en dous grandes grupos de idade, un de 3 a 12 anos e outro de 12 a 18 con actividades adaptadas para cada un deles. De feito, o campamento de 3 a 12 anos está subdividido en outras tres bandas de idade: de 3 a 5, de 6 a 8 e de 9 a 12 anos, co obxectivo de afinar aínda máis os xogos e outras dinámicas que porán en práctica durante as catro xornadas. Para as crianzas máis pequenas hai dispoñibles 8 prazas, mentres que nas outras dúas franxas de idade poderán ser ata 10 nenas e nenos por grupo con cadanseu monitor ou monitora. Se non se cubrisen as prazas faríanse dous grupos de idade.

As actividades lúdicas e formativas do Campamento de Nadal desenvolveranse no pavillón polideportivo de San Ramón -algunha das xornadas podería ter lugar no local social do Pereiro- desde o luns 27 ao xoves 30 de decembro, ambos días incluídos, con actividades entre as 10:00h e as 14:00h. Ademais tamén está previsto organizar unha excursión a un punto da nosa comarca, cuxa data e localización aínda están por definir.

As familias poderán elixir entre dúas opcións de horario de entrada: de 8:30 a 9:00h -a quenda Madrugadores, que lerá e xogará ata as dez da mañá- e de 9:30 a 10:00h. Dependendo dos horarios escollidos e do número de membros da mesma familia, os prezos serán os seguintes:

Horario de 8:30 a 14:00h                                                 Horario de 10:00 a 14:00h

1º Membro                                    15€                                                                                     12€

2º Irmán/á                                   12€                                                                                     10€

3º Irmán/a                                   10€                                                                                      8€

Propostas para a mocidade
No caso da mocidade de 12 a 18 anos -a rapazada de 11 anos poderá elixir se quere asistir ao grupo de pequenos ou ao de grandes- o Concello optou por propoñerlles dous obradoiros de dous días de duración cada un. O primeiro -os días 27 e 28 de decembro- estará centrado no deseño e creación de camisetas e nel aprenderán a utilizar a última tecnoloxía para plasmar en tea as súas ideas. No segundo, os días 29 e 30 de decembro, meteranse a fondo na impresión 3D, modelando e facendo realidade os seus propios proxectos.

Cada obradoiro ten un custo de 6€ e os dous desenvolveranse en horario de 10:30 a 13:30h. no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade.

Inscricións e matrículas
As prazas para as actividades infantís e da mocidade asignaranse por orde de entrada no rexistro municipal -xa sexa no presencial ou no electrónico- dándolle prioridade, en primeiro lugar, á rapazada matriculada no CEIP San Ramón, logo a familias con algún membro empadroado en Moeche -nais, pais, avoas ou avós- e, en último caso, a familias con algún membro que teña vinculación laboral co municipio. En calquera dos casos anteriores sempre terán preferencia as solicitudes que demanden horario madrugador (no caso do campamento infantil).

O prazo de solicitude estará aberto entre o 9 e o 16 de decembro en horario de 9:00 a 14:00h na Casa do Concello ou ben na Sede Electrónica municipal. As familias só poderán efectuar o pagamento da matrícula unha vez que finalice o prazo de solicitude e que o departamento de Benestar Social e Igualdade lles confirme que teñen praza confirmada.

Durante o campamento e os obradoiros de Nadal extremaranse as medidas preventivas dos contaxios do coronavirus, poñendo en práctica os protocolos relativos a actividades coa rapazada. Ademais tamén serán de aplicación as limitacións que estean en vigor nese momento, dependendo da evolución da situación sanitaria.