Elaborarase un mapa das enerxías renovables da cidade e poñerase en marcha a Oficina da Enerxía no prazo dun mes
A alcaldesa Inés Rey e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, deron a coñecer hoxe, tras unha xuntanza entre ámbalas dúas, o acordo para avanzar na creación dun operador enerxético municipal, unha empresa pública de enerxía, que aposte pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático e a pobreza enerxética.
Esta reunión forma parte da etapa de diálogo e entendemento aberta entre o Goberno local e Marea Atlántica que, entre outros asuntos, propiciou a posta en marcha do proceso de orzamentos participativos, a elaboración do borrador da lei de área metropolitana, a modificación de ordenanzas fiscais e a ordenanza de rehabilitación, así como o carácter gratuíto das escolas infantís municipais.
A Xunta de Goberno Local extraordinaria de hoxe aprobará a posta en marcha xa de medidas concretas en materia de política enerxética. En palabras da alcaldesa, “hoxe podemos anunciar a posta en marcha de accións que fomentan a transición enerxética e a loita contra o cambio climático, así como o impulso político-administrativo para a constitución dun operador ou empresa municipal de enerxía, que era un dos acordos de investidura entre o PSdeG-PSOE e Marea Atlántica”.
A voceira da Marea, María García, destacou que fortalecer a soberanía pública no sector eléctrico é “unha necesidade que xa identificaramos en 2019, pero que hoxe é máis urxente aínda: mentres os prezos da luz marcan cifras históricas e se volven inasumibles para fogares e empresas, algo que só beneficia ás grandes eléctricas. Por iso iniciamos o camiño para ter unha empresa municipal de enerxía, unha política pública, social e de loita contra o cambio climático”.
“Segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida do INE, un 11% dos fogares do Estado padecen pobreza enerxética. Falamos de máis de dous millóns de unidades familiares que non son capaces de manter as súas casas quentes no inverno, mentres Endesa, a principal comercializadora de enerxía, triplicou os seus beneficios nun ano. O prezo do kilovatio/hora non deixa de medrar, en todo o mes de novembro mantívose entre os 25 e os 33 céntimos, tamén o triplo que hai un ano. Unha suba que vai ao peto das grandes empresas, amosando as consecuencias de especular cun ben de primeira necesidade”, apuntou García.
O goberno e a Marea acordaron tamén a elaboración dun Mapa das Enerxías Renovables que analice as potencialidades de xeración de enerxía renovable no Concello da Coruña e a apertura dunha Oficina da Enerxía que preste asesoramento en cuestión de tarifas, aforro, eficiencia e protección de persoas en situación de vulnerabilidade. EMALCSA será a encargada da execución das prestacións necesarias para a efectividade destas iniciativas no prazo dun mes.
En relación ao contrato de renovación da iluminación pública aprobado na última xunta de goberno, acordouse incorporar o requerimento de que o subministro de electricidade sexa 100% renovable.
Respecto á creación dun operador enerxético municipal, acórdase impulsar unha iniciativa económica municipal enmarcada no contexto da transición enerxética e o cambio climático como requisito previo para a súa posta en marcha. Deste xeito designarase unha Comisión de Estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico, que terá por obxecto redactar unha Memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do operador enerxético. A designación do persoal técnico e concelleiros integrantes desta comisión de estudo efectuarase, pola Xunta de Goberno
Local, no prazo máximo de dous meses.
Aprobación dun modificativo de 1,5 millóns de euros para axudas á rehabilitación O goberno e a Marea acordaron tamén a aprobación dun modificativo que suporá un suplemento de crédito por un valor total 1,5 millóns de euros, unha cantidade que permitirá ao Concello pór en marcha medidas como as axudas á rehabilitación na Cidade Vella e Pescaría e tamén nas coñecidas como Casas de Franco e Vivendas de María Pita.
Os fondos do modificativo permitirán financiar proxectos do Eidus como o plan de humanización e naturalización do paseo marítimo, a creación e posta en marcha de hortos urbanos, o establecemento dun sistema de información de calidade ambiental, a remodelación da funcionalidade dos mercados, a reforma do centro cívico do Birloque e a creación da aula TIC.