O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, entregou os premios do concurso de vídeo-relatos aos contros educativos Luís Seoane, Alborada e María Mariño
O Concello da Coruña conmemorou este martes o 30 aniversario do Día das Cidades Educadoras. María Pita acolleu unha recepción municipal no salón de plenos para facer entrega dos premios aos gañadores e gañadoras do concurso de vídeo-relatos organizado pola concellaría de Educación que dirixe Jesús Celemín.
O obxectivo das Cidades Educadoras é estar á beira da poboación que máis apoio necesita, reforzando a igualdade de oportunidades, a inclusión, o progreso social e o crecemento sostible, máis se cabe na actual situación derivada da pandemia da Covid-19. O lema escollido para esta edición foi: ‘A Cidade Educadora non deixa a ninguén atrás’.
Ao acto asistiron as e os menores gañadores deste concurso e os e as docentes dos seus centros. Na categoría de educación infantil, o premio foi para o EI Luís Seoane. Na categoría de 1º a 3º de Educación Primaria, o gañador foi o CEIP Alborada. Por último, na categoría de 4º a 6º de Educación Primaria, gañou o CEE María Mariño.
A persoa encargada de entregar as distincións foi o concelleiro Jesús Celemín, que leu unha declaración institucional para conmemorar esta data. “As Cidades Educadoras comprometémonos a traballar para articular respostas multidimensionais innovadoras que permitan desenvolver as competencias persoais e sociais do conxunto da cidadanía, sen exclusións. Mobilizando a tódolos departamentos municipais e recursos cidadáns, creando alianzas coa sociedade civil, impulsando procedementos participativos e de deliberación e ofrecendo oportunidades formativas, ao longo da vida, con especial atención aos colectivos con maior risco de exclusión social”, apuntou Celemín.
O concurso de vídeo-relato para conmemorar esta data levou por título ‘Era unha vez… un mundo sen educación para todos e todas’. Os centros participantes tiveron que desenvolver un relato baixo algún dos puntos establecidos na Carta de Cidades Educadoras: diversidade e non discriminación, acceso á cultura, educación inclusiva ao longo da vida, promoción da saúde, inclusión e cohesión social, co-responsabilidade contra as desigualdades…