Friday 22 de November de 2024

Galicia e Chile intercambian experiencias sobre o marisqueo a pé e a situación da muller no sector


A presidenta da Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal de Chile foi recibida esta mañá pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

A delegación chilena inicia unha visita para avanzar na candidatura conxunta do marisqueo da Ría de Muros-Noia e a recolección de beira de Chile a patrimonio cultural inmaterial da Unesco

A presidenta da Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal (Chile), Sara Garrido, mantivo esta mañá unha reunión coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, na que intercambiaron distintas experiencias sobre o marisqueo en ambos os países. Unha visita na que informou sobre a marcha das xestións na candidatura conxunta do marisqueo da ría de Muros-Noia e a recolección de beira de Chile a Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

Durante a reunión abordouse especialmente o papel da muller no sector marisqueiro. Así, Susana Rodríguez explicou as distintas iniciativas de formación que se acometen ao longo do ano e puxo en valor a colaboración entre a Xunta e os representantes do sector marisqueiro. Pola súa banda, Sara Garrido destacou a gran diferenza entre ambos os países en temas de igualdade e representatividade, a pesar de que en agosto entrou en vigor a Lei nº 21.370 que promove a equidade de xénero en pesca e acuicultura.

Sara Garrido estivo acompañada neste encontro por Néstor Lloyd, consultor que xestiona a candidatura en Chile, e Roberto Sueiro, un dos consultores que xestiona a candidatura en Galicia.

Reunión co sector marisqueiro da Ría de Muros-Noia

A visita da delegación chilena continuará esta tarde cunha reunión coas mariscadoras da Ría de Muros-Noia que terá lugar na Casa do Concello de Muros, ás 16:30 horas. Unha reunión previa á visita aos bancos marisqueiros e a lonxa de Testal, que terá lugar o mércores 1 de decembro, ás 9:30 horas. O obxectivo de ambas as accións é coñecer sobre o terreo a práctica do marisqueo en Galicia, así como compartir experiencias coas mariscadoras da ría de Muros-Noia.

Ás 13:15 horas está prevista unha recepción no Concello de Noia por parte do alcalde noiés, Santiago Freire, onde terá lugar un encontro cos medios de comunicación. Pola tarde, ás 16:30 horas, a sede do GALP Costa Sostible en Noia acollerá unha reunión de traballo co participado do proxecto de candidatura conxunta internacional do Marisqueo na Ría de Muros-Noia e das recolectoras de beira de Chile a Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. Así, estarán presentes representantes dos catro concellos da ría (Muros, Noia, Outes e Porto do Son) e das catro confrarías (Muros, Noia, Portosín e Porto do Son). Un encontro no que revisarán o estado da candidatura en ambos os países.

Recoñecemento

As comunidades de “ recolectoras de beira” son o equivalente en Chile ao marisqueo galego, aínda que tamén traballan con algas e outras especies. Os seus integrantes son esencialmente mulleres, o cal casa coa proposta inicial da Ría de Muros-Noia, onde a importancia da muller tamén é esencial no sector marisqueiro. Unhas comunidades de mulleres que están emprazadas nas illas de Chiloé e Tenglo.

Sara Garrido é unha dirixente pesqueira chilena que preside a Corporación Nacional de Mujeres na Pesca Artesanal, así como o Sindicato de Traballadoras Artesanais da Caleta de Coliumo e a Asociación Gremial de Mujeres da Pesca do Bío Bío. Leva máis de 20 anos traballando pola reivindicación do traballo feminino no sector pesqueiro e fundou coas súas compañeiras o sindicato de mulleres na pesca artesanal chilena.

Néstor Lloyd Márquez é enxeñeiro pesqueiro de profesión con longa experiencia no sector artesanal. Foi director do Servizo Nacional de Pesca e Acuicultura ( Sernapesca) na rexión de Atacama (2009-2013). Actualmente, colabora coa Confraría de Pescadores de Noia, entidade que participa no desenvolvemento desta candidatura conxunta entre Chile e España para presentar un expediente de Patrimonio Cultural Inmaterial do marisqueo (España) ou recolección de beira (Chile).