O cantante británico viuse obrigado a suspender temporalmente os seus recitais en Madrid e na Coruña, que pechaban a súa xira de 2021
O concerto que Van Morrison ía ofrecer este venres 3 de decembro no Coliseum da Coruña aprázase por motivos de saúde do artista. Así foi comunicado ao Concello pola axencia de representación do cantante británico.
Esta indisposición obriga a suspender as últimas dúas actuacións da xira de Van Morrison para este 2021: a do día 1 de decembro en Madrid e a do día 3 na Coruña. O seu concerto será reprogramado nos primeiros meses do próximo ano 2022 no Coliseum. As persoas que sexan posuidoras dunha entrada para a actuación do venres poderán acceder ao recinto nesa nova data sen necesidade de facer trámite algún.
As persoas que prefiran solicitar a devolución do importe do billete poderán facelo a través da súa canle de compra.