Terá lugar do 1 ao 12 de decembro e por vez primeira inclúe activades para todos os centros escolares, participación de artistas e entidades locais e un espectáculo coproducido en Brión Inclúe
Brión Inclúe cumpre 4 anos por todo o alto, cunha edición que terá máis actuacións e calidade que nunca. Do 1 ao 12 de decembro Brión converterase na capital galega da inclusión con contacontos en lingua de signos, espectáculos de danza, humor, teatro e música para todos os públicos. Unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega, subvencionada pola Deputación da Coruña, cofinanciada por Gadis e Froiz e coa colaboración de Hotel Balneario Compostela e Restaurante Kratos.
“Como alcalde, teño que dicir que é un pracer ver como este festival se foi facendo un oco na nosa programación cultural, medrando ano a ano e implicando cada vez a máis axentes do noso pobo”, indicou Pablo Lago, alcalde de Brión, durante o acto de presentación oficial do certame. Un acto no que estivo acompañado por Fran Rei, coordinador do Festival Brión Inclúe; Sandy Cebral, concelleira de Cultura; e Alberto Álvarez, técnico de Cultura.
Novidade: actividades en todos os colexios e con artistas locais
Tras máis dun ano marcado pola pandemia, Brión Inclúe volve con forzas renovadas e prestando especial atención a artistas e entidades locais como Ruth Cundíns, Asociación Art For Dent, a Escola de Pandeiretas de Brión e diversos establecementos comerciais. No mesmo sentido, e por primeira vez, os catro centros educativos de Brión participan no festival. “Acadar a plena inclusión non é posible sen educación e sen implicar ao público máis novo, por iso dende a administración consideramos fundamental levar proxectos pioneiros como Brión Inclúe ás nosas escolas e institutos”, indicou o alcalde brionés.
As sesións de contacontos que levarán a cabo na Federación de Persoas Xordas terán lugar na Unitaria dos Ánxeles (mércores 1 de decembro, ás 10:00 e ás 10:45 horas; e o xoves 2 de decembro, ás 10:00 horas), na Unitaria de Sabaxáns (xoves 2, ás 11:30 horas) e no CEIP de Pedrouzos (luns 13 de decembro, ás 9:50, 10:50 e 11:40 horas).
Novidade: coprodución do propio festival
Tamén por primeira vez presentarase unha coprodución do propio festival e Pedro Brandariz: Inclucontos, cuxa estrea mundial terá lugar o venres 10 ás 18:00h no Centro social polivalente. O outro plato forte desta IV edición será a obra El Triciclo, da Escola Municipal de Teatro Ricardo Iniesta de Úbeda, que recibiu un Premio Max de las Artes Escénicas o pasado ano. A obra representarase o sábado 11 ás 20:00h no Centro social polivalente, e o día anterior o público terá a posibilidade de coñecer á responsable do proxecto, Nati Villar, nun encontro nese mesmo centro.
O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e visibilizar a diversidade funcional como parte propia da cidadanía a través das creacións culturais de persoas con distintas capacidades. Un festival que tamén aporta integración ás familias destas persoas, que vivirán a integración real, o acceso integral á cultura e os beneficios que isto achega á elas mesmas e a toda a sociedade.
Programación aberta ao público
Toda a programación terá lugar no centro social polivalente de Brión. Todas as actividades son de balde, previa reserva de entradas en billeteira.concellodebrion.gal. A programación é a seguinte:
Venres 3 de decembro.
18:00 horas. Acto de inauguración do Brión Inclúe 2021 no Día Internacional das persoas con discapacidade.
18:15 horas. Espectáculo “Brinca vai!” de Paco Nogueiras.
Venres 10 de decembro.
11:00 horas. Espectáculo Saabor! De Culturactiva Producións para colectivos de diversidade funcional.
18:00 horas. Estrea mundial do espectáculo Inclucontos, de Pedro Brandariz. Coprodución do Festival Brión Inclúe.
19:00 horas. Encontro con Nati Villar, Premio Max de las Artes Escénicas de Carácter Social 2020.
Sábado 11 de decembro.
20:00 horas. Espectáculo El Triciclo, de la Escuela Municipal de Teatro Ricardo Iniesta de Úbeda (Jaén).
21:00 horas. DJ Inclusivo Montxo 6. Sesión de funky, pop e disco.
Domingo 12 de decembro.
12:00 horas. Sesión vermú dinamizada por Pedro Brandariz, coa actuación de Ruth Cundíns, Chungo Pastel e a Escola de Pandeireta de Brión.
Presentación Mari Bárbola de Art for Dent. Proxecto mural.