A Casa da Cultura de Fene acolle este venres, 3 de decembro, ás 19 horas, a inauguración da mostra de pintura “Catro médicos por Fene”, cunha selección de obras de Pablo Galego, Xesús Vázquez, Tino Cuesta e Leopoldo García. A exposición poderá visitarse nesta instalación municipal até o 30 de decembro en horario: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. A partir do 23 de decembro (inclusive) o horario será: de luns a venres, de 10 a 14.15 horas.
O grupo “Catro medicos por……..” está constituído por catro galenos, os catro en exercizo profesional que son: Pablo Galego (Fene-Santiago), Tino Cuesta (Sigüeiro), Leopoldo García Díaz (Vigo) e Xesús Vázquez (Lugo). Son “catro compañeiros facultativos que, a nivel artístico, comezaron a súa andaina pictórica conxunta en maio de 2014. Dende aquela realizaron exposicións por toda Galicia, dende A Guarda até a Coruña, dende Viveiro a Compostela, pasando por Baiona, Vilalba, Boiro, Lalín, a Ribeira Sacra, etc.”. De feito, a de Fene será a vixésima exposición que realizan conxuntamente.
Trátase dun “grupo de pintores unidos pola profesión, cuns estilos pictóricos moi persoais e totalmente diferenciados, que poñen a mesma paixón e entrega na pintura que na medicina”. Todos eles empregan nas súas obras o óleo e o acrílico sobre lenzo.
Os seus estilos van dende o expresionismo á abstracción máis extrema, pasando polo neorrealismo figurativo. Non obstante, é a cor intensa, con énfase na luminosidade, o que máis predomina nas súas obras. Aínda que con diferentes tendencias e interpretacións, nas súas paletas varían dende as cores vermellas intensas, até as cores suaves mixtas ou puras.