Adscrita á programación cultural que transcorre na Pobra durante o último trimestre do ano con sesións teatrais dirixidas a maiores de 16 anos, Excéntricas Producións recalará no Elma coa función Estrela do día; unha comedia chea de cor, música, misterio e humor, onde a palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena e as personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días. A cita desenvolverase no 5 de decembro, ás 19.00 horas.
O elenco está composto por Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez, baixo a dirección de Marcos Ptt Carballido e con texto de Quico Cadaval.
A entrada é de balde e as reservas débense efectuar na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545. Organiza a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).