Os traballos de reforma, que Urbanismo prevé rematar antes de finais de ano, esténdense tamén á rúa Alcalde Abella e á contorna da Asociación Down Coruña, en Pedralonga
A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade acomete estes días obras de reurbanización na rúa Cabana, situada entre Catro Camiños, a igrexa de San Pedro de Mezonzo e Juan Flórez. Os traballos de reforma, xa iniciados, contemplan a mellora das beirarrúas para facelas máis accesibles, atendendo ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. A execución das obras supuxo un investimento de 178.000 euros por parte do Concello.
En paralelo, o Concello estendeu esta proposta de reurbanización á rúa Alcalde Abella, en Monte Alto. Ante a inexistencia de beirarrúas accesibles, a área de Infraestruturas pleneou unha plataforma única orientada a suprimir as limitacións de paso a peóns. O orzamento destinado a este proxecto é de 221.000 euros.
A maiores, tamén se está a levar a cabo unha intervención nas inmediacións do parque infantil da Pedralonga, onde o Concello aborda traballos de mellora da accesibilidade.
Ademais da reforma de firmes e pavimentos, iluminación e redes de saneamento próximas, Infraestruturas autorizou o derribo dun muro de hormigón que separaba o parque infantil das instalacións da Asociación Down Coruña, suprimindo esta barreira visual e conectando os dous recintos, atendendo tamén á limpeza da contorna. O investimento total efectuado polo Concello foi de 32.000 euros.
As tres obras, segundo as previsións da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade que dirixe o concelleiro Juan Díaz Villoslada, estarán rematadas antes de finais de ano.
Colectores da Barreira
Por outra banda, este venres remataron os traballos de substitución dos colectores soterrados no cruzamento entre a rúa Barreira e San Andrés. Esta actuación supón unha mellora hixiénica e de accesibilidade para a zona.
Ademais da renovación dos colectores, os traballos incluíron a creación dunha plataforma única coas rúas Barreira e San Andrés, eliminando barreiras arquitectónicas e facilitando o uso dos colectores para persoas con mobilidade reducida. Estes cinco colectores contan cunha capacidade total de 4.000 litros e dan servizo a unhas 400 persoas e aos locais de hostalaría da contorna.