O Pleno rexeita a moción presentada pola Confraría de Noia
O Pleno de Lousame defende a extraordinaria calidade dos bivalvos da ría de Muros-Noia como os mellores de Galicia, pero rexeita opoñerse ao reinicio da actividade mineira en San Finx sempre que o proxecto cumpra coa legalidade co máximo rigor. Un posicionamento mantido na sesión plenaria de onte venres polo PP e polo PSOE que, cos seus votos en contra e abstención, fixeron decaer a moción presentada pola Confraría de Noia, que só obtivo o voto a favor do grupo mixto.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, convidou ao vicepatrón maior de Porto do Son a dar lectura á moción na que solicitaban o apoio da corporación nas súas alegacións contra a autorización que se está tramitando para baleirar a auga das galerías da mina de San Finx e unha suposta reapertura da mina. Teresa Vilaverde comezou asegurando que “entendemos a preocupación dos traballadores pero queremos deixar claro que cremos na calidade dos bivalvos da ría de Muros-Noia como os mellores de Galicia” pero no caso do complexo mineiro indicou que “queremos que se vele polo cumprimento da legalidade co máximo rigor. Non podemos falar dunha catástrofe que non existe porque a auga sae mellor do que saía antes”.
A alcaldesa de Lousame fixo fincapé na necesidade de recuperar o río San Finx, cuxo proxecto chegou esta mesma semana ao Concello. “Non temos ningún interese en ir contra ningún sector económico” e instou aos mariscadores presentes en que “deberían reflexionar sobre o que están a dicir porque nós non imos verter sospeitas sobre a calidade das augas nin dos nosos bivalvos que, repito, para nós son os mellores de Galicia. O contrario sería tirar xa non pedras senón rochas grandes contra o noso propio tellado”.
Cruce de acusacións
A voceira municipal socialista, Beatriz González Bargo, tamén asegurou que o seu grupo está “a favor do marisqueo e da calidade dos produtos que ten a ría de Muros-Noia” pero tamén se amosou “de acordo con que se cumpran toda a normativa na explotación mineira e se recupere o río”. Porén, xustificou a abstención do seu grupo en que “nos preocupa que o voceiro do grupo Mixto nos asegurou que tiña documentación que demostraba que os informes entregados a este grupo municipal non eran válidos”. Uns informes que tampouco foron quen de visualizar porque o voceiro do grupo Mixto, Anxo Moledo Carreno, asegurou que “teño o expediente na casa e non puiden conseguir que mo trouxeran”.
Un punto no que Villaverde Pais asegurou con rotundidade que “na miña vida non levei nin levarei nada falso a unha reunión”. Así mesmo, insistiu en que “se non cremos nos informes técnicos, entón temos que irnos do sector público”.
Pola súa banda, Anxo Moledo apoiou a moción da confraría xa que “non é unha moción do BNG, é da xente que defende o seu futuro” e asegurou que “é unha tolemia priorizar 10 postos de traballo sobre 1.500 postos da ría”. Villaverde Pais rematou o debate lembrando que “entendo a preocupación dos mariscadores, teñen todo o noso apoio e esixiremos que se aplique a normativa co máximo rigor. Pero se o proxecto cumpre, nós non temos competencias para que se paralice ningún proxecto que cumpra coa normativa”.
Unanimidade na volteadora
Onde si houbo unanimidade foi na moción do grupo mixto para instar á Xunta de Galicia a que achegue medio millón de euros para a compra dunha voltadora para elaborar compost no complexo medioambiental de Lousame. Un acordo logrado despois dunha emenda do grupo socialista xa que “na moción non queda claro se a voltadora sería para a Mancomunidade ou para a empresa. Nós votaremos a favor se se cambia a moción e se insta á Xunta a achegar esa maquinaria como propiedade da Mancomunidade Serra do Barbanza, non para a empresa concesionaria”.
Un punto no que coincidiu a alcaldesa de Lousame, quen tamén puxo en cuestión que haxa que empregar cartos públicos na compra dunha maquinaria que debería ter adquirido xa a empresa concesionaria, “toda vez que o seu contrato di que ten que elaborar compost”. O voceiro do grupo mixto aceptou a emenda, polo que o grupo de Goberno cambiou a súa posición inicial de abstención e a moción saíu adiante por unanimidade.
Resto da sesión
O resto da sesión transcorreu con rapidez. Así, aprobouse por unanimidade o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Lumes Forestais, as bonificacións do 95% do IBI para aquelas dependencias nas que se realizan actividades agrogandeiras do sector primario e unha moción con motivo do 25N. Así mesmo deuse conta de que o periodo medio de pago do terceiro trimestre foi de 32,73 días, “máis alto do que debería por unhas modificacións de crédito que tivemos que facer pero estou segura de que no próximo trimestre baixará porque se están a pagar rápido as facturas que entran”, apuntou a alcaldesa lousamiá.
De feito, nesa mesma sesión aprobouse unha modificación de crédito de máis de 8.000 euros para gastos do capítulo II que quedaron sen asignación e declaráronse prescritas facturas por 4.259 euros e que non foron reclamadas polas empresas despois de catro anos. Finalmente, o grupo do PP sacou adiante dúas mocións: a primeira en defensa do sector lácteo e do pago xusto aos gandeiros (cos votos a favor de PP e Grupo Mixto e a abstención do PSOE) e a segunda para pedir que se permitan batidas para o control do lobo ou que o Ministerio achegue axudas para medidas de prevención ou para paliar os danos causados por esta especie. Unha petición que se produce despois dun ataque do lobo a unha gandería local na que lle matou varios animais. A moción foi apoiada por PP e PSOE, co voto en contra do BNG.