Monday 25 de November de 2024

Un total de 120 persoas participan na andaina a prol do bo trato, que pecha a programación especial do Concello de Brión polo 25N


Un total de 120 persoas déronse cita esta mañá de sábado para participaren na andaina a prol do bo trato, convocada polo Concello de Brión e que serviu para poñer o punto e final a dúas semanas de actividades conmemorativas en torno ao 25 de novembro. Unha andaina que partiu ás 10:30 horas da carballeira de Santa Minia, a onde retornarán despois de camiñaren 10 quilómetros por Quintáns, Trasouteiro, Rañalonga, O Casal e Liñares “cos pulmóns cheos de aire limpo de violencia machista”, segundo expuxo a concelleira de Igualdade, Rosa Romero, durante a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.

A pesar da forte tromba de auga caída a primeira hora da mañá, o tempo estabilizouse a iso das 10:00 horas e mesmo comezou a brilar o sol, o que motivou a moitas persoas a participaren na andaina. Iso si, ben abrigadas porque a temperatura seguía sendo baixa. Familias, persoas a título particular e moitas mascotas déronse cita na carballeira de Santa Minia, onde recolleron unha mochila violeta coa lenda “Brión a prol do bo trato” e que levaba auga e dúas pezas de froita para coller forzas no camiño.

Unha ducia de voluntarios, xunto ao alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Igualdade, Rosa Romero, acompañaron aos camiñantes durante todo o camiño adaptándose ao ritmo de cada grupo. Así, os primeiros camiñantes comezaron a chegar á carballeira de Santa Minia pasadas 2 horas, mentres que o resto foi entrando ao seu ritmo.

Con esta actividade, o Concello de Brión pon o punto e final a dúas semanas de intensa actividade en torno á conmemoración do 25 de novembro. A primeira delas estivo centrada na poboación escolar do municipio, mentres que a segunda incluíu actividades abertas a toda a veciñanza como obradoiros, teatro ou mesmo un taller de autodefensa.