Friday 22 de November de 2024

O alcalde anuncia a remodelación da praza de San Pablo, onde se crearán zonas de estanza e se multiplicará por catro o espazo para xogos infantís


Carlos Negreira destaca que o proxecto, cun presuposto de 1,7 millóns de euros, permitirá recuperar 6.000 metros cadrados como “espazo de convivencia”

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá a remodelación da praza de San Pablo, un proxecto que permitirá mellorar a mobilidade e a luminosidade da zona, ademais de crear zonas de estanza, multiplicar por catro a superficie destinada a xogos infantís e renovar a área deportiva. Cun investimento de 1,7 millóns de euros, a reforma deste espazo público sacarase a concurso a próxima semana co obxectivo de empezar a obra no terceiro trimestre deste ano.
“A remodelación da praza de San Pablo permitiranos actuar sobre unha superficie de 6.000 metros cadrados, creando un espazo de convivencia. Estamos seguros de que o proxecto vai devolver a luz ao barrio, unha praza que necesita unha reurbanización do século XXI,” asegurou o alcalde, quen destacou que a remodelación da praza de San Pablo completa outras actuacións xa realizadas, como a renovación das rúas Costa Rica e Lagar, ou que están programadas, como a instalación dun ascensor en Historiador Vedía.
Carlos Negreira, acompañado do tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, explicou que o proxecto se licitará a próxima semana, cun investimento de 1,7 millóns de euros e a previsión de que a obra empeza no terceiro trimestre deste ano. O alcalde avanzou que o período de execución que se fixa no concurso é dun máximo de 20 meses, á espera de que se produza unha redución do prazo nas ofertas que se presenten.
A remodelación da praza de San Pablo inclúe unha serie de actuacións que garantirán un cambio conceptual deste espazo público, ao que se lle outorga máis accesibilidade, luminosidade e colorido, xerando así lugares de estanza:
. Renovación dos servizos públicos, coa separación da rede de augas pluviais e residuais; mellora da zona axardinada; substitución do mobiliario urbano; e renovación do pavimento.
. Ampliación da zona de xogos infantís, que cuadriplica a súa actual extensión (pasa dos 68 m2 actuais a 224 m2) e se despraza ao extremo noroeste da urbanización, pois trátase do punto da praza máis soleado.
. Reordenación da área deportiva, creándose unha pista para uso múltiple.
. Mantemento de usos xa existentes na zona, como os accesos aos garaxes e as terrazas.