Saturday 16 de November de 2024

Lete Lasa asegura que a Xunta continuará empuxando ao deporte galego e español no XVI Congreso Nacional de Dereito Deportivo


_Destaca “os valores e ideais, o servizo e aplicación ao desenvolvemento, convivencia e xustiza” do dereito deportivo como “factores chaves para o crecemento do sistema no seu conxunto”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou no serán de hoxe o XVI Congreso Español de Dereito Deportivo organizado por Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE) e que tivo lugar no paraninfo da Universidade da Coruña. Alí, o mandatario galego destacou “os valores e ideais, o servizo e aplicación ao desenvolvemento, convivencia e xustiza” do dereito deportivo como “factores chaves para o crecemento do sistema no seu conxunto”.
Neste sentido, Lete Lasa apuntou que “hai que lexislar sempre mellor e para mellor, de maneira que a planificación e proposta de novas normas, a actualización das distintas materias que integran o noso ámbito de actuación, o deporte, se dirixan a protexer e a fortalecer o papel e influencia que o sistema deportivo ten nas nosas sociedades”.

O secretario xeral subliñou algunhas das necesidades abordadas nos últimos anos como “as reformas e medidas cara un novo marco legal estatal, a regulación das profesións do deporte e a profesionalización das competicións, os estándares de gobernanza nas entidades deportivas, a protección do deportista e a igualdade, ou a fiscalidade e o financiamento sostible do conxunto do sistema” que continúan sendo “ámbitos sobre os que despregar unha reformulación normativa do deporte español, nos sempre necesariamente presentes contextos autonómico e europeo”.

Ao fío desta idea, Lete Lasa asegurou que a Xunta de Galicia, desde as súas responsabilidades e competencias, “continuará empuxando o deporte galego e español, tamén a través dun exercicio construtivo e responsable de formulación normativa. Así o fixemos durante a pandemia, incluíndo a competición estatal non profesional, e esa continuará sendo nosa guía de actuación, insisto, que desde os ámbitos competencial e de responsabilidades que nos corresponden”.