— O delegado da Xunta informou da aprobación no Consello da Xunta da terceira convocatoria do Plan Renove Automoción que contará con 2,5 millóns de euros
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nos actos organizados pola Federación Galega de Estacións de Servizo con motivo da celebración da súa patroa, Santa Bárbara, que contou coa participación de case 200 asociados chegados de toda Galicia.
Trenor destacou o acerto do lugar elixido para a celebración deste evento, o parador de Muxía, porque representa o gran avance no eido turístico desta comarca. O delegado da Xunta lembrou que “a revolución vivida pola Costa da Morte no último lustro é un exemplo perfecto de como un territorio obtén resultados despois dun proceso de posta en valor, ordenamento e planificación dunha oferta turística adaptada aos valores que a fan única”.
O representante do Goberno autonómico sinalou, na súa intervención, que Galicia conta, nestes momentos con máis de 300 estacións de servizo representadas nesta asociación e destacou que facturan máis de 900 millóns de euros e xeran máis de 2.300 empregos directos. O delegado da Xunta aproveitou o acto para trasladar a aprobación no Consello da Xunta de 2,5M€ para apoiar a adquisición de máis de 1.000 novos vehículos para particulares, autónomos e empresas, a través da terceira convocatoria do Plan Renove Automoción.
Trenor puxo en valor a importante aposta da Xunta por favorecer a renovación do parque móbil galego co obxectivo de impulsar unha mobilidade eficiente e de reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.