Friday 22 de November de 2024

O Concello abre o próximo luns o prazo de preinscripción para os Campamentos de Nadal, con 525 prazas dispoñibles


Os 21 centros cívicos da cidade acollerán a rapazas e rapaces en idades de 4 e 12 anos entre finais de decembro e comezos de xaneiro

O Concello da Coruña avanza na súa programación de cara ao Nadal, coa apertura do prazo de preinscripción dos campamentos infantís impulsados pola Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, e orientados a rapazas e rapaces en idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, e con 525 prazas dispoñibles repartidas en 35 grupos. O prazo de inscripción comenza o próximo luns, 29 de novembro, e remata o mércores 1 de decembro. A solicitude poderá tramitarse a través da web de Servizos Sociais (www.coruna.gal/servizossociais) ou a través do teléfono de información municipal 010.

Os Campamentos de Nadal levaranse a cabo en 21 ubicacións distintas da cidade da Coruña os días 22, 23, 27, 28, 28 e 30 de decembro, así como os días 3, 4, 5, e 7 de xaneiro. Haberá dous horarios diferenciados para os usuarios participantes: un, xeral (de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, e un custo de 26 euros por persoa); e outro ampliado (de luns a venres, de 9.00 a 14.30 horas, cun custo de 32 euros por persoa).

O horario ampliado pódese solicitar nos seguintes centros cívicos: Castrillón, Cidade Vella, San Diego, Eirís, Elviña, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Os Rosales e Palavea. Por outra banda, para aqueles cidadáns interesados exclusivamente na solicitude do horario xeral, habilitaranse os seguintes centros cívicos: Artesáns, A Silva, Feáns, Pescadores, Sagrada Familia, Santa Lucía, Santa Margarida e San Pedro de Visma.

O sorteo das prazas farase o día 2 decembro, ás 10.30 horas, en cada centro cívico integrado dentro do programa de campamentos, e o listado de preinscritos será publicado o día 3 de decembro. A súa consulta será posible por tres vías: presencialmente nos centros cívicos, a través do 010 ou a través da web municipal do Concello da Coruña.

O prazo de reclamacións abrirase un día despois, o 4 de decembro, e rematará o 7 de decembro. Poderán efectuarse por correo electrónico (campamentos@serviplus.org) ou chamando por teléfono ó 010.

Xa posteriormente, o día 13 de decembro, o Concello da Coruña publicará a listaxe de admitidos e a listaxe de agarda. Estará a disposición da cidadanía nos centros cívicos implicados, tamén contactando telefonicamente co 010 ou na páxina web municipal.

Un 20 % das prazas, reservadas a persoas beneficiarias de programas sociais
No plan de Campamentos de Nadal darase prioridade aos menores empadroados na Coruña. Ademais, só se pode presentar unha preinscripción por menor.

Por outra banda, a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, que dirixe Yoya Neira, reserva o 20 % das prazas totais dispoñibles para persoas beneficiarias de programas sociais, así como unha oferta de 15 prazas polo cupo de discapacidade para menores con diversidade funcional que non estean impedidos para a súa participación nas actividades co grupo. Estas 15 prazas contarán cun sorteo propio.